Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

09.03.2018

A Xunta de Galicia e Concello de Ourense avanzan na remodelación integral do Pavillón dos Remedios que contará cun orzamento de 2.050.000 euros

O proxecto a acometer será unha remodelación profunda, estética e funcional que actuará na reforma dos ximnasios, do vestíbulo e dos espazos de comunicación, a dotación de novos vestiarios así como a adecuación dos existentes, a dotación de tres grandes salas polivalentes, a reordenación dos espazos da piscina de 25 metros Pedro Escudero, a adaptación en materia de accesibilidade e a unificación da fachada orientada á avenida Pardo Cela e á Ponte Romana

Imprimir Atrás

Santiago, 9 de marzo de 2018.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, mantivo na mañá de hoxe un encontro de traballo co alcalde do Concello de Ourense, Jesús Vázquez Abad, no que trataron os diferentes proxectos deportivos comúns para a cidade. Entre eles, avanzaron na próxima remodelación integral do Complexo Polideportivo dos Remedios que contará cun orzamento de 2.050.000 euros.

Este proxecto divídese en dúas fases, a redacción do proxecto básico e de execución (que contará cun orzamento de 50.000 euros) e a execución da obra de reforma segundo o recollido no proxecto (2.000.000 euros). Do total do orzamento, a Secretaría Xeral para o Deporte achegará 1.050.000 euros e o Concello de Ourense os restantes 1.000.000 euros.

Segundo a xuntanza que tivo lugar na sede da Secretaría Xeral para o Deporte en Santiago de Compostela, o proxecto a acometer será unha remodelación profunda, estética e funcional que actuará sobre diversos aspectos do complexo deportivo.

Deste xeito levarase a cabo a reforma dos ximnasios, do vestíbulo e dos espazos de comunicación, a dotación de novos vestiarios así como a adecuación dos existentes, a dotación de tres grandes salas polivalentes (actividades dirixidas, formación e lecer), a reordenación dos espazos da piscina de 25 metros Pedro Escudero, a adaptación normativa en materia de accesibilidade e a unificación da fachada orientada á avenida Pardo Cela e á Ponte Romana.

O Complexo Deportivo dos Remedios, inaugurado en 1969, é unha instalación municipal referente para a vida deportiva, social e cultural da cidade de Ourense. Conta cun amplo volume de utilización, cun rexistro de máis de 40.000 accesos mensuais dotado de múltiples servizos deportivos, dúas piscinas, un spa, dous pavillóns polideportivos cubertos, un campo de fútbol, un módulo de atletismo, un ximnasio, unha sala de musculación e pistas exteriores.

Debido ao deterioro lóxico que sufriron os seus espazos co paso do tempo e por tratarse dunha infraestrutura referente localizada na entrada principal da cidade, nunha zona emblemática entre a Ponte do Milenio e a Ponte Romana, cómpre renovar, adaptar e adecuar o edificio ás novas necesidades implementando esta remodelación estética e, sobre todo, funcional, nun 2019 no que esta instalación cumprirá 50 anos.

A Secretaría Xeral para o Deporte continúa a súa aposta decidida pola mellora das infraestruturas deportivas da cidade de Ourense despois de inaugurar o pasado 16 de decembro a pista cuberta que vén de acoller o Campionato de España de pista cuberta sub-20 cuns excelentes resultados que a converten nunha instalación referente do atletismo nacional. A Xunta de Galicia investiu máis de 3 millóns de euros nesta infraestrutura.

Vistas:  186

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds