Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

16.04.2018

A Secretaría Xeral para o Deporte convoca as subvencións para entidades deportivas por un importe superior aos 2 millóns de euros

Como se informou o pasado mes de novembro, a Secretaría Xeral para o Deporte modificou esta orde de axudas para evitar que ocorran sucesos ou incidentes violentos naquelas competicións de orde autonómica que teñan lugar en Galicia

Imprimir Atrás

Santiago, 16 de abril de 2018.- A Secretaría Xeral para o Deporte vén de convocar para o presente ano 2018 as subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e agrupacións deportivas escolares de Galicia para o desenvolvemento de actividades deportivas.

Esta orde de subvencións conta cun orzamento total de 2.020.000 euros dos que 1.900.000 euros destinaranse a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas (sendo a axuda máxima posible por beneficiario de 29.999 euros), e os restantes 120.000 euros serán para as agrupacións deportivas escolares (sendo a axuda máxima posible por beneficiario de 15.000 euros).

A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. O prazo para presentar as solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, que foi o pasado mércores 11 de abril.

Medidas contra a violencia no deporte

Como a propia Secretaría Xeral para o Deporte anunciou o pasado mes de novembro, a Secretaría Xeral para o Deporte modificou esta orde de axudas para evitar que ocorran sucesos ou incidentes violentos naquelas competicións de orde autonómica que teñan lugar en Galicia.

Deste xeito, non poderán obter a condición de beneficiarios destas subvencións “os clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas, agrupacións deportivas escolares e seccións deportivas que foran sancionados pola federación deportiva correspondente no ano anterior á convocatoria, cando a sanción teña a súa orixe en condutas violentas, racistas, xenófobas ou intolerantes provocadas polas persoas espectadoras e asistentes”. Do mesmo xeito, tampouco poderán optar a estas axudas quen “discrimine nos premios ou recoñecementos que outorguen as persoas deportistas por razón de xénero”.

CONVOCATORIA, PRAZOS E DOCUMENTACIÓN

Vistas:  2367

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds