Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

20.12.2017

Marta Míguez recoñece o traballo de “deportistas, xogadoras, adestradoras, árbitras, xuíces ou directivas” en prol da “igualdade efectiva” no deporte

Enumera todas as actuacións que leva a cabo a Secretaría Xeral en pro da igualdade como a promoción en busca do incremento da participación feminina en todos os ámbitos do deporte desde a base á elite: o deporte federado engloba a un 21% de mulleres, o programa Xogade a un 34% e as bolsas a deportistas galegos de alto nivel benefician a un 33% de mulleres

Imprimir Atrás

Ourense, 20 de decembro de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, participou na mañá de hoxe na mesa de debate organizada pola Asociación Deportiva Bosco titulada ‘Muller e deporte: O camiño á igualdade”. Alí, a máxima responsable do deporte galego compartiu mesa con outras representantes do deporte feminino de Galicia como a xogadora de fútbol sala, Beatriz Seijas, a xogadora de baloncesto Rebeca Navarro ou a xogadora de rugby, Ana de Uña.

Nas súas verbas, Marta Míguez fixo un repaso á historia do deporte feminino que “evolucionou gañando maior protagonismo” como demostra que nos Xogos Olímpicos de Londres 2012, das 17 medallas acadadas por España, 11 foron de deportistas femininas, unha tendencia que continuou en Río 2016 con 9 medallas de mulleres das 17 totais. Ademais apuntou que dos 21 deportistas españois que conseguiron gañar a tripla coroa (Europeo, Mundial e Xogos Olímpicos), 11 son mulleres. A secretaria xeral identificou todos estes progresos co traballo de deportistas, xogadoras, adestradoras, árbitras, xuíces ou directivas que “buscan acadar os seus obxectivos no eido que libremente deciden e no que teñen dereito a pertencer a pesar de ser espazos orixinariamente reservados, con exclusividade e de xeito inxusto, aos homes ao longo da historia”.

Ao fío desta idea, a titular do departamento deportivo da Xunta de Galicia avogou por unha “igualdade efectiva, normalización e non diferenciación na que as mulleres e homes deben medirse polos seus méritos e capacidades e obter a mesma recompensa por eles”. “Unha igualdade que debe ser defendida tanto por homes coma por mulleres e desde todas as frontes posibles, desde todos os ámbitos, de xeito coordinado, transversal e colaborativo, porque é unha responsabilidade que nos afecta a todos e aínda que haxa moito camiño andado, queda moito por percorrer”, enfatizou.

A titular de Deporte enumerou todas as actuacións que leva a cabo a Secretaría Xeral en pro da igualdade como a promoción en busca do incremento da participación feminina en todos os ámbitos do deporte desde a base á elite. Neste sentido indicou que o deporte federado engloba a un 21% de mulleres, o programa Xogade a un 34% e as bolsas a deportistas galegos de alto nivel benefician a un 33% de mulleres.


Ademais, Marta Míguez tamén remarcou outras iniciativas como a difusión e comunicación dos logros e méritos do deporte feminino para outorgarlle maior visibilidade; a difusión de referentes exemplarizantes que animen a nenos e nesas á participación na competición de mais alto nivel e/ou un estilo de vida saudable e próspero; o aproveitamento das potencialidades e posibilidades do deporte para a transmisión de valores para transformar a sociedade de xeito que muden os estereotipos e patróns culturais; a garantía de igualdade salarial entre os traballadores das federacións deportivas e nas bolsas aos deportistas de alto nivel; a valoración positiva da presencia de mulleres en postos de decisión nas xuntas directivas de clubs, agrupacións deportivas escolares e federacións; a valoración positiva do número de licencias femininas, da adhesión ao manifesto na igualdade no deporte, polos proxectos das federacións relacionados co fomento do deporte feminino; a solución de conflitos a través da Comisión Galega de Control da Violencia en competicións deportivas oficiais de ámbito autonómico, provincial, zonal ou local; o novo decreto que regulará a figura do alto nivel incorporando novas vantaxes para os deportistas; o proxecto ‘Eu son DGAN’ para a incorporación laboral dos deportistas galegos de alto nivel; o acordo parlamentario polo que a Secretaría Xeral para o Deporte non patrocinará eventos nos que os premios económicos polos mesmos postos e categorías teñan diferente contía para homes e mulleres; a colaboración coa Compañía Radio Televisión de Galicia para que se lle de maior visibilidade a aqueles eidos do deporte menos populares como é o deporte de base e o deporte feminino; así como apoio a outras iniciativas.

Atendendo a toda esta batería de accións, a secretaria xeral apuntou que “o deporte feminino forma parte de toda a nosa estratexia deportiva, non é un campo alleo ou paralelo”. Deste xeito salientou que “as políticas da Secretaría Xeral para o Deporte son para todos os deportistas e as deportistas e para mellora do deporte galego”. “É a a nosa misión continuar explorando todas estas vías e utilizar todos os instrumentos que a política deposita nas nosas mans para mellorar a sociedade na que vivimos”, concluíu.

Vistas:  263

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds