Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

05.07.2018

Marta Míguez destaca “o respecto do medio e o olimpismo” como valores que recibirán os nenos e nenas que participen no Campionato de España Escolar de Escalada en Santiago

A secretaria xeral uniu a educación escolar e deportiva para que os nenos poidan “acadar un crecemento e un desenvolvemento pleno e completamente satisfactorio”

Imprimir Atrás

Santiago, 5 de xullo de 2018.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou esta mañá na presentación do Campionato de España Cadete de Escalada por Seleccións Autonómicas 2018 que terá lugar entre o 6 e o 8 de xullo en Santiago de Compostela. Unha competición que a responsable do Deporte galego identificou como unha “oportunidade inmellorable para continuar acadando moitos dos obxectivos do Goberno galego: benestar, deporte, calidade de vida e coidado da natureza”.

A secretaria xeral destacou algunhas das “leccións e mensaxes” que poden recibir todos os nenos e nenas que participen neste Campionato de España de Escalada como o respecto do medio no que vivimos xa que “a escalada, o montañismo ou o alpinismo son actividades que poñen en íntimo contacto ao home coa natureza”.

Do mesmo xeito, Marta Míguez falou doutro valor que inculcar aos máis pequenos, o olimpismo, como ese sentimento de que “o deporte pode facernos mellores cidadáns mediante a combinación da mente, o corpo e o espírito”. A responsable do Deporte galego lembrou que as especialidades da escalada neste Campionato de España -bloque, dificultade e velocidade- coinciden co modelo olímpico que se estreará en Toquío 2020 cando a escalada deportiva será por primeira vez modalidade olímpica.

Marta Míguez tamén falou brevemente de dous dos principais programas da Secretaría Xeral para o Deporte como son o Programa Xogade que procura promover e fomentar a práctica da actividade física na poboación escolar galega e o Plan Galicia Saudable que nace para facer fronte ao aumento das mortes, enfermidades e discapacidades provocadas polo sedentarismo e a práctica insuficiente de actividade física. Por todo isto a secretaria xeral uniu a educación escolar e deportiva para que os nenos poidan “acadar un crecemento e un desenvolvemento pleno e completamente satisfactorio”.

Vistas:  70

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds