Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

11.12.2017

CICLISMO: Iván Feijoo e Lucía Vázquez foron dous vendavais na Copa Galicia de Ciclocross do Porriño

A Asociación Deportiva Avanza sorprendeu na súa estrea como entidade organizadora grazas ao seu gran traballo e esforzo cun circuíto que acumulou eloxios por parte dos participantes e do público.

Imprimir Atrás

 

A borrasca ‘Ana’ non freou os corredores da Copa Galicia de Ciclocross na localidade pontevedresa do Porriño. O sub23 Iván Feijoo (Academia Postal – Actyon – MMR) e a elite Lucía Vázquez (ProRebordosa) foron os vencedores das carreiras raíñas celebradas no renovado circuíto do velódromo municipal. Con esta undécima e penúltima xornada do certame autonómico remataron oito días de intenso calendario nos que se disputaron catro probas puntuables.

O cadro de gañadores do ‘I Trofeo Ciclocross Avanza – Concello do Porriño’ completárono Laura Capa (Farto) e Jorge Fernández (Coruxo) en cadetes, Andrea García (Cambre – Renault Caeiro) e Carlos Canal (Academia Postal – Actyon – MMR) en juniors, Zaida González (Cidade de Lugo – Esturión) nas sub23, Adrián Valverde (Club Ciclista Rías Baixas) nos elites, Montserrat Martínez (Viana) nas másters, Luciano Carretero (Cambre – Renault Caeiro) nos másters-30, Manuel Armada (Asociación Galega de Ciclistas) nos másters-40 e Javier de la Fuente (Norinver) nos másters-50/60.

A Asociación Deportiva Avanza sorprendeu na súa estrea como entidade organizadora grazas ao seu gran traballo e esforzo cun circuíto que acumulou eloxios por parte dos participantes e do público. “Unha das mellores carreiras das últimas tempadas” foron as palabras que máis se repetiron na boca dos grandes protagonistas desta xornada. A chuvia e a lama estiveron presentes durante toda a mañá, realzando, máis se cabe, a esencia do bo e puro ciclocross.

O Porriño é terra de grandes ciclistas, de grandes momentos e días históricos deste deporte. O ciclocross ten neste municipio un dos seus berces, unha condición que seguirá mantendo no futuro cunha das mellores probas do calendario.

Despois de vencer en Viveiro, Boiro e Pontevedra, o alaricano Iván Feijoo rubricou os seus oito días de ouro coa súa novena vitoria da tempada. O líder absoluto da Copa Galicia impúxose con 23 segundos de marxe sobre o elite Adrián Valverde (Club Ciclista Rías Baixas) e con 1:22 respecto ao elite porriñés Jorge Punzón (Fundación Óscar Pereiro). Feijoo encabezou o triplete da estructura de Maceda nos sub23 e no podio estivo escoltado polos seus compañeiros de equipo Román Saa e Raúl González.

Outra boa xeira que se confirmou no Porriño foi a de Lucía Vázquez. A vilaboense do ProRebordosa acadou o seu segundo triunfo consecutivo despois de adxudicarse a carreira de Pontevedra. Vázquez dobregou nesta ocasión por 17” a júnior Andrea García. Irene Trabazo (Marín Ottoman), a líder da clasificación absoluta, non participou ao atoparse competindo en Euskadi.

Dous cambios nos rankings

A falta de dúas xornadas para o remate da Copa Galicia 2017, Javier de la Fuente desbancou a Mario Castro (Cortizo – Anova) no máis alto da táboa master-50/60 e Andrea García igualou coa portuguesa Jessica Costa (ASC) no primeiro posto do ranking júnior feminino. O resto das clasificacións continúan comandadas por Noela Saa (Academia Postal – Actyon – MMR) e Miguel Rodríguez en cadetes, Jorge Suárez (Cidade de Lugo – Esturión) nos juniors, Iván Feijoo e Irene Trabazo en sub23, Darío Otero (Muebles Compostela) e Isabel Castro (Condado Bike) en elites, Montserrat Martínez nas másters, Luciano Carretero nos másters-30 e Manuel Armada nos másters-40.

Os gañadores e líderes recibiron os seus premios e maillots no Porriño de mans de Manuel Carrera, tenente alcalde; Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo; e representantes da A.D. Avanza. O próximo domingo a Copa Galicia de Ciclocross vivirá en Betanzos a súa penúltima proba puntuable.



Undécima proba da Copa Galicia de Ciclocross 2017, disputada no Porriño

Protagonistas da undécima proba da Copa Galicia de Ciclocross 2017, disputada no Porriño

Vistas:  97

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds