Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

11.12.2017

Marta Míguez avoga por unha “igualdade efectiva” na que as mulleres e os homes se midan “polos seus méritos e capacidades e obteñan a mesma recompensa por eles”

Enumera todas as actuacións que leva a cabo a Secretaría Xeral en pro da igualdade como a promoción en busca do incremento da participación feminina en todos os ámbitos do deporte desde a base á elite: o deporte federado engloba a un 21% de mulleres, o programa Xogade a un 34% e as bolsas a deportistas galegos de alto nivel benefician a un 33% de mulleres

Imprimir Atrás

Oleiros (A Coruña), 11 de decembro de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte,  Marta Míguez Telle, participou na mañá de hoxe coa conferencia ‘Políticas deportivas galegas: en prol do feminino’ no VII Ciclo de Conferencias de Xénero, Actividade Física e Deporte da Facultade de Ciencias do Deporte e da Educación Física da Universidade da Coruña. Alí, a responsable do Deporte galego avogou por unha “igualdade efectiva, normalización e non diferenciación na que as mulleres e homes deben medirse polos seus méritos e capacidades e obter a mesma recompensa por eles”. “Unha igualdade que debe ser defendida tanto por homes coma por mulleres e desde todas as frontes posibles, desde todos os ámbitos, de xeito coordinado, transversal e colaborativo, porque é unha responsabilidade que nos afecta a todos e aínda que haxa moito camiño andado, queda moito por percorrer”, enfatizou.

Neste sentido fixo un repaso a historia do deporte feminino galego e marcou como fito importante a participación da primeira deportista galega nuns Xogos Olímpicos como foi o caso de Marta Bobo na competición de ximnasia rítmica en Los Ángeles 1984. Desde aquel momento, dixo, “o deporte feminino galego evolucionou gañando maior protagonismo” como demostra que “na historia particular de Galicia temos 107 deportistas olímpicos dos que 25 son mulleres, e 19 medallas en Xogos Olímpicos das que 3 foron conseguidas por mulleres”.

Marta Míguez identificou todos estes progresos co traballo de deportistas, xogadoras, adestradoras, árbitras, xuíces ou directivas que “buscan acadar os seus obxectivos no eido que libremente deciden e no que teñen dereito a pertencer a pesar de ser espazos orixinariamente reservados, con exclusividade e de xeito inxusto, aos homes ao longo da historia”. A titular de Deporte enumerou todas as actuacións que leva a cabo a Secretaría Xeral en pro da igualdade como a promoción en busca do incremento da participación feminina en todos os ámbitos do deporte desde a base á elite. Neste sentido indicou que o deporte federado engloba a un 21% de mulleres, o programa Xogade a un 34% e as bolsas a deportistas galegos de alto nivel benefician a un 33% de mulleres.

Ademais, Marta Míguez tamén remarcou outras iniciativas como a difusión e comunicación  dos logros e méritos do deporte feminino para outorgarlle maior visibilidade; a difusión de referentes exemplarizantes que animen a nenos e nesas á participación na competición de mais alto nivel e/ou un estilo de vida saudable e próspero; o aproveitamento das potencialidades e posibilidades do deporte para a transmisión de valores para transformar a sociedade de xeito que muden os estereotipos e patróns culturais; a garantía de igualdade salarial entre os traballadores das federacións deportivas e nas bolsas aos deportistas de alto nivel; a valoración positiva da presencia de mulleres en postos de decisión nas xuntas directivas de clubs, agrupacións deportivas escolares e federacións; a valoración positiva do número de licencias femininas, da adhesión ao manifesto na igualdade no deporte, polos proxectos das federacións relacionados co fomento do deporte feminino; a solución de conflitos a través da Comisión Galega de Control da Violencia en competicións deportivas oficiais de ámbito autonómico, provincial, zonal ou local; o novo decreto que regulará a figura do alto nivel incorporando novas vantaxes para os deportistas; o proxecto ‘Eu son DGAN’ para a incorporación laboral dos deportistas galegos de alto nivel; o acordo parlamentario polo que a Secretaría Xeral para o Deporte non patrocinará eventos nos que os premios económicos polos mesmos postos e categorías teñan diferente contía para homes e mulleres; a colaboración coa Compañía Radio Televisión de Galicia para que se lle de maior visibilidade a aqueles eidos do deporte menos populares como é o deporte de base e o deporte feminino; así como apoio a outras iniciativas.

Atendendo a toda esta batería de accións, a secretaria xeral apuntou que “o deporte feminino forma parte de toda a nosa estratexia deportiva, non é un campo alleo ou paralelo”. Deste xeito salientou que “as políticas da Secretaría Xeral para o Deporte son para todos os deportistas e as deportistas e para mellora do deporte galego”. “É a a nosa misión continuar explorando todas estas vías e utilizar todos os instrumentos que a política deposita nas nosas mans para mellorar a sociedade na que vivimos”, concluíu.

 

Vistas:  220

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds