Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

23.03.2018

Míguez inaugura o curso de xestión do deporte da UVIGO que achega os coñecementos necesarios para “unha maior seguridade de deportistas, público e medio natural”

Enumera os catro obxectivos do curso: “coñecer a organización do medio natural galego, coñecer aspectos básicos da protección do medio na organización dun evento deportivo, coñecer experiencias de éxito na organización deste tipo de eventos e coñecer tamén aqueles acontecementos de excepcional interese público”

Imprimir Atrás

Ourense, 23 de marzo de 2018.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, vén de inaugurar o curso ‘Organización e Desenvolvemento de Eventos Deportivos: Deportes no Medio Natural’ organizado polo Máster Universitario en Xestión Empresarial do Deporte da Universidade de Vigo. Segundo a responsable do Deporte galego, iniciativas coma este curso posibilitan que Galicia siga sendo “referente na organización de eventos deportivos e, sobre todo, contribúen a unha maior seguridade para os tres protagonistas esenciais dos eventos deportivos que son os propios deportistas, o público que os apoia e o medio natural que achega un escenario incomparable para a realización da actividade física”.

Neste sentido, Marta Míguez sinalou que son as administracións as “responsables de promover maneiras divertidas, apaixoantes e sobre todo, sostibles, de experimentar a interrelación entre as persoas e a natureza, e neste punto, o deporte é un aliado imprescindible”.

Galicia, conta con seis parques naturais como son o Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, o da Baixa Limia e Serra do Xurés, as Fragas do Eume, o Monte Aloia, o Invernadeiro, e a Serra da Enciña da Lastra. Uns espazos que, dixo a secretaria xeral “debemos promover, potenciar e poñer en valor realizando actividades coas que poidamos desfrutar destas paraxes ao tempo que coidamos a nosa natureza”.

No seu relatorio, a titular da carteira de Deporte galego subliñou que “a utilización do medio natural como lugar idóneo para a realización destas actividades debe ir acompañada dunha serie de medidas de protección e de educación, tanto para os organizadores como para os participantes”. Para iso, enumerou os catro obxectivos do curso que son “coñecer a organización do medio natural galego, coñecer aspectos básicos da protección do medio na organización dun evento deportivo, coñecer experiencias de éxito na organización deste tipo de eventos que nos axuden na nosa tarefa e, por último, coñecer tamén aqueles acontecementos de excepcional interese público”.

Vistas:  186

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds