Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

07.04.2018

Marta Míguez participa na inauguración dos XIX Xogos Autonómicos de Atletismo Special Olympics Galicia que teñen lugar este sábado na pista cuberta de Ourense

Reivindica "un deporte global, inclusivo, igualitario, para todos e para todas. Un deporte que non entenda de xénero, nin de idades, nin de condicións"

Imprimir Atrás

Santiago, 7 de abril de 2018.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, participou na xornada de hoxe na inauguración dos décimo novenos Xogos Autonómicos de Atletismo Special Olympics Galicia, "un evento que bebe do mesmo espírito do olimpismo que os primeiros Xogos Olímpicos da era moderna que comezaron unha nova andaina hai exactamente 122 anos". De feito, a secretaria xeral lembrou esta efeméride que tamén pon data ao Día Internacional do Deporte para o Desenvolvemento e a Paz, celebrado onte 6 de abril e que supón "un día fundamental para concienciar acerca do papel do deporte no desenvolvemento económico e social, pero tamén na promoción dos dereitos humanos".

Nas súas verbas, a titular de Deporte galego asegurou que "para nós, o deporte tamén é moito máis que unha actividade física". "Desde a Xunta de Galicia queremos un deporte global, inclusivo, igualitario, para todos e para todas. Un deporte que non entenda de xénero, nin de idades, nin de condicións", enfatizou.

Neste sentido, a secretaria xeral valorou a importancia da nova pista cuberta de atletismo de Ourense inaugurada o pasado 16 de decembro "para todos vós -dixo- e supón todo un orgullo que acolla estes XIX Xogos Autonómicos de Atletismo Special Olympics".

Dirixíndose aos atletas con discapacidade intelectual que participan este sábado nos Xogos, Marta Míguez apuntou que "sodes a viva representación de todos e cada un dos valores que agocha o deporte: sacrificio, resiliencia, esforzo, traballo, constancia, compañeirismo e sobre todo, inclusión".

Vistas:  124

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds