Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

22.05.2018

CICLISMO: CAMPIONATO DE GALICIA ELITE E SUB 23 2018

Anxo Lorenzo (Cortizo) e Diego González ( Froiz) novos campións de Galicia elite e sub23

Imprimir Atrás
Anxo Lorenzo, campión galego de ciclismo en ruta 2018

Anxo Lorenzo, campión galego de ciclismo en ruta 2018

 

O corredor padronés Anxo Lorenzo (Cortizo Anova) proclamouse Campión de Galicia 2018 de ciclismo en ruta ao finalizar segundo no Campionato disputado en Culleredo. O vencedor do I Gran Premio Consorcio das Mariñas foi o seu compañeiro de equipo, o leonés Jesús Nanclares, quen non podía optar ao título. Na categoría sub 23 o título foi para Diego González (Froiz).

O club ciclista Cambre Caeiro foi o encargado de organizar esta edición do campionato sobre un trazado de 118 quilómetros con subida ao Monte Xalo como principal dificultade no perfil da proba. Os ciclistas de Froiz foron os primeiros en tensar a carreira animando a outras escuadras para tratar de buscar a fuga de lonxe. Pero os continuos ataques fracasaban ante o alto ritmo do pelotón que marcou 43,7 quilómetros na primeira hora.

Anxo Lorenzo (Cortizo Anova) era un dos que se animaba a meterse nalgunha desas escapadas deixando ver as gañas de pelexar pola proba. Tería que chegar ao ecuador da proba aproveitando a parte dura do trazado para buscar a meta en compañía do seu compañeiro Nanclares, con quen rodaría en solitario a segunda metade da carreira.

Na liña de meta, Nanclares proclamouse vencedor da proba, seguido de Lorenzo, que se alzou co título de campión de Galicia en liña. O terceiro posto foi para Jorge Martín Montenegro, completando un novo triplete do Cortizo Anova no podio, tal como fixese no Campionato de Crono catro días antes.

A categoría sub23 tamén tivo un triplete nas medallas, pero por parte do equipo pontevedrés do Súper Froiz. Diego González fíxose co ouro nesta categoría, acompañando no podio a Carlos Amil (prata) e Daniel Rodríguez (bronce).

Vistas:  59

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds