Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

25.06.2018

CICLISMO: CAMPIONATO DE GALICIA DE BTT CAMPO A TRAVÉS

Saúl López (Maceda) E Lara Lois ( Extol) novos campións de Galicia de BTT.

Imprimir Atrás
Podio do Campionato de Galicia de BTT campo a través

Podio do Campionato de Galicia de BTT campo a través

 

O ciclista Saúl López (Maceda) logrou sumar por vez primeira o título de campión de Galicia de BTT campo a través olímpico grazas á súa vitoria na cita autonómica disputada en Sanxenxo e organizadapolo Club Corbelo. O triunfo incontestable de Saúl entre os ciclistas elite veu cubrir unha carencia coa no historial deportivo do monfortino, infestado de éxitos áescala nacional e internacional desde a categoría cadete pero que nunca tivo o premio de ser campión da súa terra, unha proba na que só conseguira segundos e terceiros postos.

Saúl López estivo acompañado no podio por Adrián Valverde (Rías Baixas) e Alberto Pedreira (Bici Verde), os que foran campións de Galicia en 2017 e 2016 respectivamente. Pola súa banda, Samuel González (Salvaterra) logrou o título de campión de Galicia na categoría sub23, sendo a prata para Pablo Álvarez (Cambre) e o bronce para Raúl González (Maceda).

En canto ás mulleres, Lara Lois (Extol), unha deportista con apenas catro anos de traxectoria no ciclismo de competición, sumou o seu segundo título de campioa de Galicia e fíxoo ao vencer á laureada Lucía Vázquez (Prorebordosa), que acadou a prata. e á gañadora da Copa Galicia, Nuria Senra (Eskornabois), que obtivo o bronce. En sub 23, a campioa foi Irene Trabazo (Marín), subcampioa Claudia Portela (Marín) e terceira Zaida González (Roseira).

Sen dúbida, a calor foi a nota destacada na gran cita autonómica, sumándose ao xa de por se esixente trazado pontevedrés. O mellor adaptado ás dificultades foi Carlos Canle (Maceda), gañador das chaquetas de Campión na súa etapa cadete, e que sumou a súa primeira como júnior, cunha auténtica exhibición na que se permitiu dar caza ao grupo cabecero da categoría elite que saíra dous minutos antes. A presumible oposición que podería presentarlle Adrián Barros (Coruxo) frustrouse coa avaría do vigués. O gañador da Copa de Galicia, David Aragunde (Armenteira), e Óscar Fernández (Avanza) flanquearon a Canle no podio. O Campionato de Galicia júnior feminino foi para Andrea García (Maceda) e a prata para Alba Arias (Arteixo).

A escola de bicicleta de montaña de Coruxo obtivo os seus froitos na categoría cadete, na que Jorge Fernández se fixo co título de campión e Anxo Carril foi terceiro. Conseguiua prata Miguel Rodríguez (Ponteareas). Entre as mulleres foi Zaira Vila quen completaría o trío de medallas co seu bronce. Laura Capa (Farto), a nova campioa de Galicia, sumou o seu primeiro título recentemente chegada á categoría, e fíxoo cunha gran imaxe fronte á experimentada Noela Saa, que tivo que conformarse co subcampionato.

Na categoría de máster, Manuel Parada (RSBikes) logrou un novo título autonómico, coma o que xa conseguira en 2015 na categoría elite. Tres anos despois volveu ao máis alto do podio entre os máster 30, e fíxoo acompañado por Diego Rey (Caimanes) e Luís Fernández (Avanza), gañandores das medallas de prata e bronce, respectivamente. Entre as mulleres máster, proclamouse campioa de Galicia a incombustible Isabel Castro (Condado). A prata foi para Isabel Picoaga (7 Voltas) e o bronce para Isabel García (Bici Verde), dúas ciclistas máis afeitas á probas de longa distancia e non tanto á explosividade da distancia olímpica.

Alex Trasbach (Racing) consumou o Campionato de Galicia en máster 40 coa mesma autoridade que mostrou toda a tempada e xa ten a vista posta no próximo Campionato de España. Manuel Armada (AGC) foi subcampión e Antonio Rodríguez (Burgas) terceiro.

Outro que tamén cumpriu cos prognósticos para conseguir o campionato foi Manuel Castro (Barbanzabike), aínda que lle custou despegarse do empuxe de Carlos Amor (Btt Fene), que pelexou polo ouro ata a última volta pero tivo que conformarse co subcampionato. O gañador en 2017, José Ramón Castelo (Castro Barbudo) subiu unha vez máis ao podio co seu terceiro posto.

Clasificacións do Campionato de Galicia de BTT campo a través 2018

Vistas:  60

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds