Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

09.06.2017

O Gran Premio San Roque estrea este sábado o Trofeo Asturcantabrogalego de cadetes

A primeira edición do Trofeo Asturcantabrogalego para corredores cadetes ponse en marcha este sábado en Viveiro.

Imprimir Atrás

A primeira edición do Trofeo Asturcantabrogalego para corredores cadetes ponse en marcha este sábado en Viveiro. Un pelotón formado por 200 ciclistas disputará, a partir das 16:00 horas, o Gran Premio San Roque sobre o percorrido en liña de 47 quilómetros deseñado polo C.C. Viveiro. En xogo estará o primeiro maillot de líder do certame promovido pola Federación Galega de Ciclismo, a Federación de Ciclismo do Principado de Asturias e a Federación Cántabra de Ciclismo.

As inscricións alcanzaron o tope máximo fixado pola organización de dous centenares de corredores. Os 24 equipos que se darán cita na liña de saída ao carón do Pavillón Polideportivo serán: C.C. Viveiro, C.C. Ponteareas, Oziona - Barbanza, Cortizo - Anova, Cambre - Caeiro, Muebles Compostela, Autronic - Vigués, E.C. Redondela, Cidade de Lugo - Esturión, Carballo a un Paso, Bicicletas Meta, Isidoro San Justo, Ciudad de Oviedo - Tartiere Auto, E.D.M. Torrelavega, Queso Rebollín - Agroval, E. C. Carreño, Aseguras - Indupime, Gijón - Las Mestas, C.C. Efrain Gutiérrez, Camargo, MMR Academy, Batcho, Río Mera - Meruelo - Cantabria, Big Mat - Sallende e Guttrans.

Seis carreiras

O Trofeo Asturcantabrogalego consta de cinco xornadas máis. A finais do mes de xullo celebraranse dúas carreiras: o día 26 o XVI Gran Premio Santa Ana en San Vicente de la Barquera (Cantabria) e o 29 o Gran Premio La Sardina en Candás (Asturias). Unha vez atravesado o ecuador desta competición, o 10 e o 11 de agosto será a quenda para unha dobre xornada. Primeiro coa disputa da XIV Subida a la Peña, no municipio asturiano de Candamo, e ao día seguinte co Gran Premio de Nuestra Señora de Mulera, en territorio cántabro. Por último, o peche deste circuíto vivirase o 3 de setembro en Boiro (A Coruña), onde terá lugar a carreira Promoción Deporte Boiro.

No sistema de puntuación asignaranse 20 puntos ao gañador da carreira, 17 ao segundo, 15 ao terceiro, 13 ao cuarto, 11 ao quinto e así de forma descendente ata chegar ao decimoquinto clasificado. O mesmo proceso aplicarase para establecer a xeral por equipos con 15 puntos para o primeiro, 12 para o segundo e 10 para o terceiro ata repartir o último punto á duodécima formación clasificada.

Os premios económicos para os maillots de líderes estarán financiados polas tres federacións, que tamén se comprometen a outorgar uns premios-axuda segundo a clasificación por equipos. Para optar a eles, é obrigatorio participar en todas as probas e ter preinscritos como mínimo tres corredores no equipo.

Vistas:  136

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds