Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

13.06.2017

Inguanzo vestiuse de amarelo na apertura do Trofeo Asturcantabrogalego en Viveiro

O Trofeo Asturcantabrogalego de cadetes estreouse con dominio do MMR Academy no Gran Premio San Roque.

Imprimir Atrás

O Trofeo Asturcantabrogalego de cadetes estreouse con dominio do MMR Academy no Gran Premio San Roque. Catro corredores do proxecto apadriñado polo campión olímpico Samuel Sánchez situáronse entre os cinco primeiros na liña de meta de Viveiro. Gonzalo Inguanzo venceu en solitario e Miguel Mera (Cortizo – Anova) acadou a segunda posición facendo un oco entre os ciclistas da formación asturiana.

Cun pelotón formado por 200 corredores, representando a 24 equipos, deuse o bandeirazo de saída á primeira das seis carreiras que compoñen este certame promovido pola Federación Galega de Ciclismo, a Federación de Ciclismo do Principado de Asturias e a Federación Cántabra de Ciclismo. O Club Ciclista Viveiro, organizador desta proba, deseñou un esixente percorrido de 47 quilómetros.

Despois de 1 hora 14 minutos e 47 segundos de esforzo, Gonzalo Iguanzo fíxose co primeiro maillot amarelo de líder do Trofeo Asturcantabrogalego. O ciclista cántabro avantaxou en 1:13 a un grupo de trece unidades no que Mera superou ao sprint a Jorge González, Pablo Uría e Ramón Fernández, os tres do MMR Academy.

O percorrido completárono 46 corredores e por equipos impúxose o MMR Factory. O C.C. Ponteareas e o Cortizo – Anova ocuparon a segunda e a terceira praza respectivamente. A vindeira cita do Trofeo Asturcantabrogalego será o 26 de xullo co XVI Gran Premio Santa Ana, en San Vicente de la Barquera (Cantabria).

Copa Galicia

Por outra banda, o segundo posto acadado por Mera permítelle ampliar a súa diferencia no máis alto do ranking da Copa Galicia Cadete. Suma 70 puntos, distanciándose en 24 de Daniel Sanín (Compostelano) e en 25 de Diego Rodríguez (Cambre – Caeiro). O certame autonómico regresará o  23 de xullo co XVIII Trofeo Vila de Luou.

No resto de categorías do Gran Premio San Roque os gañadores foron Miguel Rodríguez (Ponteareas) e Carla Montoiro (Negreira), en infantís; Gael García (Compostelano) e Alejandra Formoso (Dumbría), en alevíns; Iván Vázquez (Cidade de Lugo - Esturión) e Aloa Blanco (Cortizo - Anova), en principiantes; e Yago Pena (Barbanza) e Sara Melero (Negreira), en promesas.

Vistas:  142

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds