Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

03.01.2018

As Federacións Galega e Portuguesa de Vela manteñen un encontro para mellorar o seu funcionamento, intercambiar experiencias e explorar novas vías de colaboración

Unha delegación da Federación Portuguesa de Vela visitou as instalacións do Centro Galego de Vela de Vilagarcía para coñecer o seu funcionamento

Imprimir Atrás

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 3 de xaneiro de 2018.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, acompañou á Federación Portuguesa de Vela na súa visita ao Centro Galego de Vela e durante a súa xuntanza coa Federación Galega, un encontro que serviu para mellorar o funcionamento de ambas dúas institucións, intercambiar experiencias e explorar novas vías de colaboración.

Deste xeito, a Federación Portuguesa de Vela devolve a visita que no mes de outubro a secretaria xeral realizou a terras portuguesas co gallo do IV Trofeo Cidade de Viana do Castelo e que un mes despois continuou coa visita dun equipo da Secretaría Xeral para o Deporte para coñecer o funcionamento das instalacións lusas.

Desta volta, foi a Federación Portuguesa de Vela a que se interesou polo funcionamento do Centro Galego de Vela, onde se desenvolveu este encontro entre ambas entidades. Nas súas verbas, Marta Míguez destacou o deporte da vela en Galicia como “a cuarta modalidade deportiva con maior participación olímpica en Galicia e o deporte que máis ouros olímpicos nos deu”. Así tamén destacou o recente éxito dos regatistas galegos e bolseiros do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, Martin Wizner e Pedro Ameneiro, que veñen de proclamarse campións do mundo sub 17 da clase 420 en Australia.

Neste sentido valorou o traballo realizado para alcanzar estes éxitos e lembrou que a vela galega debe fixarse “naqueles exemplos que tamén levan anos realizando un gran traballo como é o caso da federación portuguesa”.

Vistas:  184

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds