Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

30.09.2017

A Secretaria Xeral para o Deporte facilita ás federacións e clubs galegos a participación en Sportur

Algunhas federacións deportivas galegas xa confirmaron a súa presenza no evento, pero agárdanse novas incorporacións xa que aínda está aberto o prazo de inscrición que se pode tramitar directamente a través de Expourense

Imprimir Atrás

Santiago, 30 de setembro de 2017.- O I Salón do Deporte e Turismo Activo ‘Sportur Galicia’ presentado a finais do mes de maio e promovido pola Xunta de Galicia e Expourense, co apoio da Axencia de Turismo de Galicia e da Secretaría Xeral para o Deporte, encara a súa recta final antes da súa celebración que terá lugar os días 17, 18 e 19 de novembro, coincidindo coa celebración na cidade de Ourense da 41ª Carreira Pedestre Popular de San Martiño, que é un dos eventos deportivos máis multitudinarios de Galicia. Precisamente cómpre destacar que no recinto feiral de Expourense (Finca Sevilla, s/n) e durante a actividade de Sportur poderanse recoller os dorsais e chips que os corredores e corredoras levarán durante a carreira, unha magnífica oportunidade para que os deportistas poidan achegarse á oferta de turismo activo que ofrece Galicia. Ademais, o día previo á carreira tamén se entregarán en Expourense os premios aos gañadores do circuíto de carreiras ‘Correndo por Ourense’.

Neste tramo final antes da posta en marcha de Sportur Galicia, a Xunta e Expourense traballan man a man para que este certame do turismo deportivo de Galicia conte con todos os representantes do sector. Deste xeito, recentemente foron convocadas todas as federacións deportivas de Galicia para que participen desta mostra que ten o obxectivo de converterse nun punto de encontro para o sector. Estas entidades contarán cun espazo sen custo (en virtude do convenio entre Expourense e a Secretaría Xeral para o Deporte) para promover as súas actividades e probas ante o público xeral. Pola súa parte as entidades federativas contribuirán a difundir o evento entre os seus a asociados ou a realizar algunha exhibición ou actividade como parte do programa do evento. Algunhas federacións deportivas galegas xa confirmaron a súa presenza no evento, pero agárdanse novas incorporacións xa que aínda está aberto o prazo de inscrición que se pode tramitar directamente a través de Expourense.

Segundo a secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, o I Salón do Deporte e do Turismo Activo ‘Sportur Galicia’ “xunta dúas das áreas de maior importancia para Galicia como son o noso turismo e o noso deporte, dous ámbitos que tanto teñen que ver e compartir”. “As tanxencias de deporte e turismo son espazos que desde a Xunta de Galicia debemos explotar convenientemente para acadar o beneficio da nosa sociedade e dos nosos cidadáns”. O I Salón do Deporte e do Turismo Activo ‘Sportur Galicia’ terá, segundo a secretaria xeral, un dobre obxectivo que dará a coñecer Galicia “como destino activo e saudable, como unha terra que ofrece multitude de opcións para gozar do deporte e das actividades ao aire libre” e ademais, animará “a todo o mundo, e especialmente aos galegos e galegas, a practicar todas estas actividades”.

I Salón do Deporte e do Turismo Activo ‘Sportur Galicia’

Sportur Galicia dotará a Expourense os días 17, 18 e 19 de novembro -en horario de 10,30 a 14,00 horas e de 16,00 a 20,00- dunha gran mostra do turismo activo e do deporte existente en Galicia. Terá un dobre obxectivo que dará a coñecer Galicia como destino activo e saudable, como unha terra que ofrece multitude de opcións para gozar do deporte e das actividades ao aire libre e ademais, animará a todo o mundo a practicar todas estas actividades. Todas as novidades se poden coñecer a través da páxina web http://www.sporturgalicia.com/ ou a través dos seus perfís en Facebook e Twitter (@sporturgalicia).

Esta escolma estará configurada por todas as iniciativas da Comunidade Autónoma de Galicia pero tamén doutras comunidades ou países, as propostas presentadas por concellos e outras entidades; as ofertas das empresas de equipamentos para o deporte e a aventura e das empresas especializadas na venda de paquetes turísticos que inclúan actividades deportivas; as actividades promovidas polas asociacións e federacións deportivas de Galicia; seminarios e charlas especializadas en preparación física, prevención de lesións, nutrición ou xestión de infraestruturas; a presentación dos destinos turísticos participantes; exhibicións deportivas e accións de networking entre empresas e potenciais compradores.

Vistas:  124

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds