Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

18.01.2018

Míguez destaca “o clima, o entorno, as instalacións, o CGTD e a experiencia” de Pontevedra que a converten na “cidade ideal” para acoller o Festival Multideporte ITU 2019

Asegura que Pontevedra “será capaz de recibir aos 4.000 deportistas de elite que chegarán a Galicia para disputar e desfrutar do campionato” así como de “organizar con solvencia os cinco campionatos do Mundo”

Imprimir Atrás

Madrid, 18 de xaneiro de 2018.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou na presentación do Festival Multideporte ITU 2019 que terá lugar na cidade de Pontevedra na súa terceira edición -tras as de 2017 en Penticton (Canadá) e a de 2018 en Odense (Dinamarca)- e que acollerá cinco campionatos do Mundo, os de dúatlon, aquatlon, tríatlon de longa distancia, tríatlon cross e aquabike.

Nas súas verbas, a responsable do Deporte galego asegurou que Pontevedra “é a cidade do tríatlon por excelencia” na que “se forxou a lenda dun dos nosos mellores deportistas da nosa historia, Javier Gómez Noya”. Neste sentido apuntou que o “clima, o entorno, as instalacións deportivas, o Centro Galego de Tecnificación Deportiva e a experiencia organizativa en grandes eventos deportivos” de Pontevedra, convértena “nunha cidade ideal para acoller o Festival Multideporte ITU 2019”.

Así, Marta Míguez amosou o seu convencemento de que, nesas datas, Pontevedra “será capaz de recibir aos 4.000 deportistas de elite que chegarán a Galicia para disputar e desfrutar do campionato” así como de “organizar con solvencia os cinco campionatos do Mundo que se inclúen no Festival”. Unha oportunidade, dixo, para “posicionar á nosa comunidade con un traballo de calidade en todo o mundo”.

No seu relatorio, a titular de Deporte da Xunta de Galicia, agradeceu e valorou o esforzo da Federación Galega de Tríatlon e Pentatlon Moderno, a Federación Española de Tríatlon e da Unión Internacional de Tríatlon.

Vistas:  317

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds