Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

03.04.2018

Un total de 27 deportistas galegos de alto nivel optan a algunha das 43 ofertas de traballo activas ao abeiro do programa ‘Eu son DGAN’ tras o primeiro trimestre de 2018

En total foron contactadas 96 empresas e un total de 276 deportistas galegos dos que o 67% manifestou o seu interese por participar no programa

Imprimir Atrás

Santiago, 31 de marzo de 2017.- O programa ‘Eu son DGAN’ da Secretaría Xeral para o Deporte, presentado o pasado 20 de novembro de 2017 e que axuda aos deportistas galegos e galegas de alto nivel á súa inserción laboral da man da Fundación ONCE, conta, tras o primeiro trimestre de 2018, con 43 ofertas de traballo activas para as que existen 27 candidatos e candidatas que poderían asinar os primeiros contratos laborais nas vindeiras datas.

En total, ao abeiro do programa, foron contactadas 96 empresas e un total de 276 deportistas galegos, o 77% dos deportistas de alto nivel recoñecidos segundo o procedemento iniciado en xuño de 2017 (358). De todos os deportistas de alto nivel contactados, o 67% amosa o seu interese por participar no programa.

A partir de agora, incorporaranse ao programa o resto dos deportistas así como aqueles que foron recoñecidos a través do último procedemento de novembro de 2017, xa que na actualidade, Galicia conta con 380 os deportistas galegos de alto nivel (237 masculinos e 143 femininos). Do mesmo xeito, o programa xa está a incorporar ás súas entrevistas aos deportistas galegos que tiveron o recoñecemento de alto nivel vixente nalgún momento da súa traxectoria, aínda que no momento actual non desfruten desa condición.

Cómpre salientar que nestes tres primeiros meses do ano realizáronse 69 entrevistas iniciais cos deportistas galegos de alto nivel, así como 29 entrevistas de orientación e seguimento presenciais e outras 336 de xeito telemático.

Eu son DGAN’

O programa procurará a integración laboral das e dos deportistas de alto nivel traballando desde un primeiro momento na compensación das dificultades que a práctica do deporte de alta competición pode causar na formación e na integración laboral dos deportistas. ‘Eu son DGAN’ está destinado a todos os deportistas galegos de alto nivel, que son e que o foron.

O deporte de alto nivel esixe un compromiso férreo cun estilo de vida baseado no esforzo, no sacrificio, no adestramento diario e na disciplina, polo que unha parte fundamental do proxecto ‘ Eu son DGAN’ é a visibilización das persoas deportistas de alto nivel poñendo en valor o que levan achegando á sociedade durante a súa vida deportiva e destacando as capacidades adquiridas coa práctica do deporte: compromiso, dedicación, competitividade, cooperación, traballo en equipo, respecto, logro ou perseveranza. Capacidades que todo directivo quere ter na súa empresa e que fan dos deportistas traballadores excepcionais.

Todos os deportistas de alto nivel reciben, no marco do programa, un kit de presentación composto polo currículo académico, deportivo, unha carta de recomendación, cartóns de visita e outros materiais que complementan o seu portfolio para unha maior visibilidade do programa e maiores expectativas de éxito no contacto coas empresas.

‘Eu son DGAN’ é unha iniciaitva que desenvolve a Xunta de Galicia da man da Fundación ONCE e as súas entidades de intermediación laboral Ilunion Empleo e Inserta Empleo.

Vistas:  172

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds