Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

01.06.2018

Míguez destaca o tecido asociativo que posibilita que desde a tempada 2009-2010 a Xunta e ABANCA destinen 20M€ aos equipos de alto nivel

O Plan de patrocinio que contará cun orzamento global de 2.420.000 euros, está financiado pola Fundación Deporte Galego (1.694.000 euros) e por Abanca (726.000 euros) e beneficiará a un total de 171 equipos galegos o que representa un incremento do 92% desde o primeiro ano do Plan

Imprimir Atrás

Santiago, 31 de maio de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, acompañada polos delegados da Xunta, polo xerente da Fundación Deporte Galego, Iván Clavel, e mais os directores territoriais e de zona de ABANCA presentou durante esta semana os convenios de patrocinio publicitario dos equipos de alta competición de Galicia para o exercicio 2018. O Plan de patrocinio, que para esta tempada contará cun orzamento global de 2.420.000 euros, está financiado pola Fundación Deporte Galego (1.694.000 euros) e por Abanca (726.000 euros) e beneficiará a un total de 171 equipos galegos o que representa un incremento do 3% con respecto ao ano anterior, cando foron 166 os equipos beneficiados, e do 92% respecto ao primeiro ano do Plan, na tempada 2008-2009 que contou con 89 equipos patrocinados. Un ano máis, o número de equipos femininos patrocinados volve medrar, 28 equipos na tempada 2008-2009, 69 o exercicio pasado e 72 na actual campaña porque, como dixo Marta Míguez, “dalgún xeito ten que verse reflictido que cada ano somos máis as mulleres que practicamos deporte, ben sexa federado ou non”. De feito, lembrou que nesta tempada, as cifras de licenzas femininas no deporte federado galego xa alcanza o 23,6% do total.

A responsable do deporte galego felicitou a todos os equipos presentes polo traballo e polos resultados acadados e dirixiuse aos directivos dos clubs para felicitalos tamén pola súa xestión. Nas súas verbas, Míguez dixo crer no “tecido asociativo que cada ano medra en cantidade e calidade e que presta un servizo fundamental á sociedade facéndolle accesible o deporte e a competición”.

En termos absolutos, desde que o Plan de patrocinio publicitario dos equipos de alta competición de Galicia botou a andar na tempada 2009-2010 a Xunta leva consignados a este aspecto preto de 20 millóns de euros. Neste sentido, a a secretaria xeral agradeceu a ABANCA “o seu esforzo e a súa aposta decidida polo deporte galego”.

Ao fío desta idea, a secretaria xeral identificou o deporte como “unha fórmula xeradora de negocio polo seu enorme retorno, notoriedade e boa imaxe”, cualidades extensivas ás empresas que o apoian, engadiu. Por todo iso, dixo Marta Míguez, “o deporte como produto de consumo constitúe un obxecto económico moi atractivo no mercado de bens e servizos” e supón maior visibilidade e importantes oportunidades de comercialización e vantaxes competitivas. “Apoiar ao deporte é sempre un investimento”, apuntou. Así, Marta Míguez fixo un chamamento a todas aquelas entidades privadas para que, como ABANCA, “se sumen a este compromiso de patrocinio do deporte galego porque só se pode gañar apostando polos mellores expoñentes”.

Pola súa parte, os directores de ABANCA, destacaron que este programa “é xa un pacto transversal polo tecido socio-deportivo de Galicia e polo deporte de base”. Este plan de patronicio encaixa coa filosofía de traballo da entidade financeira e o seu apoio á transmisión de valores vitais a través do deporte. De maneira adicional, permite a ABANCA comprometerse “coa sostibilidade económica de 19 clubs do ámbito da provincia de Lugo para que os nosos deportistas de hoxe e de mañá poidan centrarse nas súas competicións”, engadiron.

Vistas:  82

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds