Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

20.06.2018

Marta Míguez destaca “o poder de convocatoria, o gran atractivo e a boa organización” do Descenso Internacional do Río Miño que este ano chega á súa edición 50

54 anos despois da primeira edición, o Descenso do Miño reúne a 38 equipos, con 387 embarcacións e preto de 500 deportistas

Imprimir Atrás

Ourense, 20 de xuño de 2018.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou na mañá de hoxe na presentación do L Descenso Internacional do Río Miño que terá lugar o vindeiro sábado 23 desde as 17,30 horas e do que destacou o seu “poder de convocatoria, o atractivo da proba e o traballo ben feito dos organizadores”. Deste xeito definiu á proba como “un evento cheo de natureza e aventura e protagonizado polo recurso natural máis importante da cidade de Ourense, o Río Miño”.

A secretaria xeral tamén se referiu á orixe do Descenso, “un traballo que se remonta a 1963 cando un grupo de mozos ourensáns con tan só dúas piraguas canadenses, crearon un grupo de náutica que foi o xerme do club de piragüismo Alcalá Galiano”. Deste xeito, en 1964, tivo lugar o primeiro Descenso Peares- Ourense.

Cómpre salientar que, os pioneiros do descenso -’Quinolas’ Quintas Montero, ‘Quino’ Guede Fernández, ‘Chelís’ González, Alfonso Barrachina, Feliciano Mario Cuervo García, Diodoro Carlos Serrano Rodríguez, Sabino Senra, Pili Godoy e Manuel Elías Pérez Álvarez- protagonizan o cartel desta edición, e estiveron arroupando a presentación da proba puntuable para as ligas galegas cadete, júnior e sénior e foron homenaxeados.

54 anos despois, o Descenso do Miño reúne a 38 equipos, con 387 embarcacións e preto de 500 deportistas. Un evento organizado polo Consello Municipal de Deportes, a Federación Galega de Piragüismo e a Escola ourensá de Piragüismo contando co apoio da Secretaría Xeral para o Deporte. Ademais, Viaqua é o patrocinador oficial do evento.

Vistas:  37

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds