Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

05.07.2018

A Secretaría Xeral para o Deporte e a Asociación Liga Noroeste asinan o convenio de colaboración para a organización da Liga Galega de Traiñeiras

Segundo o texto do convenio, a Secret aría Xeral para o Deporte concederalle á Asociación Liga Noroeste unha subvención por un importe máximo de ata 90.000 euros para a organización deste evento

Imprimir Atrás

Santiago, 5 de xullo de 2018.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, vén de asinar na mañá de hoxe o convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral para o Deporte e a Asociación Liga Noroeste con motivo da organización da Liga Galega de Traiñeiras masculina e feminina da tempada 2018. Segundo o texto do convenio, a Secretaría Xeral para o Deporte concederalle á Asociación Liga Noroeste unha subvención por un importe máximo de ata 90.000 euros para a organización deste evento.

Durante a sinatura do convenio, Marta Míguez insisitiu na “tradición dun deporte autóctono vencellado á nosa idiosincrasia, ao noso arraigo e á nosa cultura”. Un deporte que nace do “esforzo colectivo e a rivalidade sa dos pobos costeiros galegos” e que agora trasladouse á maior parte dos portos galegos cada fin de semana, dixo.

A Asociación Liga Noroeste é a responsable da organización da Liga Galega de Traiñeiras, que tanto na categoría masculina como na feminina é a competición desta modalidade de remo que aglutina todos os clubs que participan nesta actividade en augas galegas.

Deste xeito, o obxecto do convenio asinado hoxe é establecer os mecanismos de colaboración entre a Secretaría Xeral para o Deporte e a Asociación Liga Noroeste para a organización e desenvolvemento da Liga Galega de Traiñeiras correspondente a tempada 2018. Con este convenio a Secretaría xeral para o Deporte colaborará cos gastos ocasionados con motivo da realización dos seus respectivos programas de promoción deportiva, no ano 2018, coa fin de fomentar o deporte e a actividade física saudable no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, colaborando así no desenvolvemento do sistema deportivo galego.

Na tempada 2018 que comeza agora, 26 clubs están inscritos na Liga Galega de Traiñeiras. Doce deles na Liga A: Samertolameu, Vilaxoán, Amegrove, Rianxo, Ares, Bueu-Teccarsa, Puebla, Mecos-Mondariz, Coruxo, Castropol, Chapela e Meira na Liga A. Outros nove na Liga B: Muros, Cedeira, Vila de Cangas, Esteirana, A Cabana-Ferrol, Salgado-Perillo, Virxe da Guía, Cabo da Cruz e Mugardos na Liga B. E seis máis na Liga Feminina: Cabo de Cruz, Vilaxoán, Mugardos, Náutico Riveira e Salgado-Perillo.

Vistas:  71

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds