Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

20.06.2013

O Centro Galego de Tecnificación Deportiva: 25 anos de compromiso co deporte

O Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) naceu en 1987 aproveitando as instalacións do Estadio da Xuventude e a residencia de estudantes Atlántico da cidade de Pontevedra. Co paso do tempo foise transformando nun moderno complexo deportivo no que se formaron os mellores deportistas de Galicia e, na actualidade, dá cabida ós principais deportistas e promesas do deporte galego.

Imprimir Atrás

Desde a súa posta en marcha, o Centro contou con moi diversas seccións deportivas: bádminton, natación sincronizada,  voleibol,  atletismo, ciclismo btt, judo, loita, natación, piragüismo, remo, taekwondo, tenis e tríatlon, existindo, na actualidade, seccións permanentes destes dez últimos deportes.

 Na presente tempada, o Centro acolle a 171 deportistas, dos que 86 son deportistas en período de tecnificación, residentes no CGTD, e os 85 restantes son deportistas de rendemento, onde se inclúen un nutrido grupo de deportistas de elite, espello ó que os máis novos miran. O esforzo e a superación de David Cal, Javi Gómez Noya ou, entre outros, Teresa Portela –todo eles deportistas do CGTD-, serven para saber cal é o camiño para chegar á elite mundial. 

 A lista de deportistas que chegaron á cima das súas modalidades logo de formarse neste Centro é moi longa, podendo destacar entre eles a 18 deportistas olímpicos (María Abel, Horacio Allegue, Miguel Ángel Álvarez, Alfredo Bea, David Cal, Paula Carballido, José M. Crespo, Beatriz Gómez, Javier Gómez, Jovino González, David Mascato, Jacobo Moroño, Ana Penas, Carlos Pérez, Teresa Portela, Jacobo Suárez, Beatriz Valcárcel e Juan Zunzunegui) e 2 paralímpicos (Pablo Cimadevila e Gustavo Nieves), cunha colleita total de 11 medallas dende os Xogos Olímpicos de Sydney 2000, xunto a nutridos logros en Campionatos do Mundo e Europeos de distintas disciplinas deportivas. 

 O CGTD é pois unha instalación crave na formación dos deportistas galegos de alto nivel, pero tamén desenvolve unha importante actividade para o desenvolvemento diario dos clubs pontevedreses, que utilizan o Centro coas maiores das facilidades. A instalación foi, e é, fundamental no deporte desta cidade: clubs de balonmán, baloncesto, voleibol, fútbol sala, atletismo, loita, waterpolo  ou natación, usan as instalacións do Centro, así como as Escolas Municipais de atletismo, tríatlon e marcha.

Pero a actividade do CGTD non se limita aos deportistas galegos. Nos últimos tres anos adestraron nas súas instalacións diversas seleccións nacionais, como as de taekwondo da República Dominicana, de Suecia, de Bélxica, de Marrocos, de Angola, de Guatemala e de Portugal, as seleccións españolas de waterpolo e de natación sincronizada, ou a selección de Guatemala de marcha atlética.

Por outra banda, e enmarcadas no programas galegos de tecnificación, todos os veráns lévanse a cabo concentracións de diferentes modalidades para a consecución de obxectivos como a preparación de determinadas competicións nacionais e internacionais, ou a detención de novos talentos.

E ademais, nestes últimos anos, o CGTD foi sede de importantes campionatos deportivos ó máis alto nivel competitivo: Copa de Europa de Tríatlon (2010), Campionato de Europa de Tríatlon (2011), Campionato de España de 10.000 (2011), Campionato de España de Marcha (2012) ou os Campionatos de España de Tríatlon (2012) e Duatlon (2013).

No compromiso coa formación integral dos deportistas, o CGTD tamén é centro de estudos dos ciclos formativos do IES Sánchez Cantón (Ciclo Medio de Balonmán, Ciclo Medio de Fútbol e Ciclo Superior de Técnico en Actividades Deportivas), así como instalación imprescindible para as clases da Facultade de Ciencias da Educación e o Deporte do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo. 

No 2007 e no 2010 respectivamente, incorporándose á órbita e área de influenza deportiva do CGTD as instalacións do Centro Deportivo Pontillón do Castro e o Centro Galego de Tecnificación de Vela en Vilagarcía, instalacións que completan a preparación dos principais deportistas de piragüismo e vela. Estes centros teñen acollido eventos como o Campionato de Europa sénior de pista de piragüismo (2007), así como a preparación de deportistas olímpicos da talla de David Cal, Teresa Portela, Alfonso Benavides, Carlos Pérez ou Sonia Molanes, no caso das instalacións de Pontillón do Castro, e, no tocante ao Centro Galego de Tecnificación de Vela,  o Campionato de España de Match Race Feminino (Clase Olímpica Elliot 6M para os XX.OO. de Londres 2012) 2011, ou Campionato de España de Clases Olímpicas 2012, así como a preparación das gañadoras do ouro olímpico en Londres 2012 Tamara Echegoyen, Sofía Toro e Lara Cacabelos, de Carlos e Antón Paz, ou de Fernando Echávarri e  Fernando Rodríguez, entre outros destacados deportistas.

Os 25 anos de vida do Centro serviron pois como unha factoría de deportistas galegos de élite, onde atender á súa especialización técnica dende os seus inicios, e durante as súas seguintes etapas de perfeccionamento deportivo, e sen esquecer a súa formación académica, no obxectivo primordial de acadar unha formación integral dos deportistas.

Vistas:  3885

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 348 / 353 Fax: 881 996 356

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds