Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

26.12.2016

Ciclismo.- Isabel Castro e Mauro González puxeron a guinda en Maceda aos seus títulos da Copa Galicia

Isabel Castro e Mauro González foron os grandes triunfadores nos rankings Elite e Sub23 na segunda edición da Copa Galicia de Ciclocross.

Imprimir Atrás

Na mañá do día de Noiteboa a segunda edición da Copa Galicia de Ciclocross coroou aos seus gañadores na localidade ourensá de Maceda. Isabel Castro e Mauro González foron os grandes triunfadores nos rankings Elite e Sub23 e puxeron a guinda aos seus títulos nesta undécima e última xornada do certame promovido pola Federación Galega de Ciclismo. A experimentada corredora do Fornelos acadou no circuíto do Castelo a súa sétima vitoria parcial nesta campaña, mentres que o ciclista do Salvaterra certificou o seu éxito na xeral masculina rematando segundo tras ser superado ao sprint polo seu compañeiro Samuel González.

No IX Ciclocross Concello de Maceda – Copa Deputación de Ourense, que reuniu a 170 participantes, os representantes do equipo anfitrión Academia Postal-Actyon-MMR brillaron ao anotarse tres vitorias. Noela Saa e Carlos Canal adxudicáronse as carreiras cadetes e Iván Feijoo exhibiuse na proba junior rebaixando os tempos parciais dos mellores Elite e Sub23. No resto de categorías impuxéronse Sara Yusto (Bioracer-EK) nas juniors, Luciano Carretero (Cambre) nos Máster-30, Guillermo Álvarez (Fornelos) nos Máster-40 e Javier de la Fuente (Betanzos) nos Máster-50/60.

A competición Elite e Sub23 masculina resultou emocionante e espectacular. O líder absoluto Mauro González defendía unha renda de 80 puntos sobre Samuel González e os dous corredores do Salvaterra dinamitaron a  carreira dende o inicio xunto a Raúl Fernández (Fornelos). O trío centrouse primeiro en non ser alcanzado polo ciclista profesional de estrada Daniel López (Burgos BH) e unha vez estabilizada a súa vantaxe, comezaron os cambios de ritmo.

“Pola nosa parte fumos intentando desgastar a Raúl, pero había bastante igualdade e ningún conseguía marcharse en solitario”, apuntou Mauro González. A resolución quedou pendente do que acontera na última volta. “Mauro logrou abrir un pequeno oco e deixei facer a Raúl. Cando vin que non o ía coller, ataqueille”, sinalou Samuel González, que conectou co seu compañeiro xusto a tempo para disputarlle a vitoria.

“Non sabía se Samuel viña con Raúl e por iso apertei ata o último metro”, asegurou Mauro González, que se viu superado por menos dunha roda polo seu compañeiro no sprint final. Deste xeito, Samuel González asinou o seu sexto triunfo consecutivo cun tempo de 57:24. A catro segundos entrou Raúl Fernández, a cuarta praza correspondeulle a Daniel López, a 40” dos dous primeiros, e destacou a sétima posición obtida por Óscar Pereiro.

Con este resultado, Mauro González certificou o título da Copa Galicia e sucede no palmarés a Adrian Valverde (Rías Baixas) gañador no 2015. O dobrete do Salvaterra rubricouno Samuel González ocupando a segunda posición na xeral e sendo o mellor Sub23.

Dominio familiar

O ranking da categoría raíña feminina xa chegaba sentenciado coa elite Isabel Castro como triunfadora absoluta e a súa filla Desirée Duarte como segunda na táboa e primeira sub23. As dúas corredoras do Fornelos tampouco deron opción ás súas rivais na última xornada. Duarte asumiu o mando nas primeiras voltas, ata que foi alcanzada pola súa nai. Nesta ocasión non completaron a carreira xuntas e Castro venceu cun minuto e dezanove segundos de vantaxe respecto a súa compañeira de equipo. O podio completouno María Jesús Barros (Spol).

"Tiven moi boas sensacións”, afirmou Castro, que eloxiou “un circuíto moi bonito, que me gustou moito. En xeral, esta Copa Galicia estivo moi ben organizada, variando todos os circuítos respecto aos do ano pasado”. A experimentada ciclista do Fornelos releva a Sandra Moral (Cidade de Lugo) como vencedora do certame autonómico.

Gañadores dos rankings

A única clasificación que viviu un cambio de líder nesta última xornada foi a cadete feminina. Noela Saa desbancou a Andrea García (Cambre) e logrou o título para o conxunto de Maceda. A entidade ourensá quedouse moi preto de anotarse tamén o triunfo nos rapaces cadetes, pero Mario Fernández (O Rosal) resistiu e proclamouse campión por 8 puntos de diferencia sobre Carlos Canal. O cadro de gañadores finais da Copa Galicia 2016 completárono Pablo Álvarez (Cambre) e Sara Trigo (Cidade de Lugo) en juniors, Andrés Calvete (Cambre) nos Máster-30, Manuel Armada (Asociación Galega) nos Máster-40 e Javier de la Fuente nos Máster-50/60.

O calendario galego de ciclocross rematará o vindeiro sábado día 31 coa disputa do Campionato de Galicia na localidade coruñesa de Culleredo, unha semana antes da celebración dos Campionatos de España en Valencia.

Federación Galega de Ciclismo

 

 

Vistas:  196

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 348 / 353 Fax: 881 996 356

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds