Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

07.03.2017

A Xunta reinicia neste mes de marzo as obras para a construción da pista de atletismo cuberta en Ourense que cumprirá as novas especificacións internacionais

Galicia terá a primeira pista de atletismo hidráulica cuberta que pasará a ser unha das tres mellores de España contando coa tecnoloxía máis moderna de todas as existentes

Imprimir Atrás

Santiago, 7 de marzo de 2017.- A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, reinicia neste de mes de marzo as obras de construción da pista de atletismo cuberta no recinto feiral da Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense (Expourense) cun sistema hidráulico que permite a total compatibilidade do uso deportivo co uso feiral ao que se destina o espazo. Grazas a esta actuación, Galicia terá a primeira pista de atletismo hidráulica cuberta que pasará a ser unha das tres mellores de España contando coa tecnoloxía máis moderna de todas as existentes.

A pista de Expourense terá seis rúas en pista circular de 200 metros de perímetro, oito rúas en pista recta, zona de lanzamento de peso, zona de saltos de altura, lonxitude, triplo salto e pértega. A pista de atletismo cumprirá coas novas especificacións da Federación Internacional de Atletismo (IAAF) que serán acordadas no vindeiro congreso que se celebrará en agosto do presente ano en Londres e que xa foron confirmadas á Secretaría Xeral do Deporte a través da Real Federación Española de Atletismo.

Estas obras realízanse ao abeiro do convenio de cooperación asinado o pasado 11 de abril de 2016 entre a Secretaría Xeral para o Deporte e Expourense. Posteriormente, o 17 de agosto de 2016 asinouse o contrato coa construtora para iniciar as actuacións que deron comezo o pasado 30 de novembro. Unha vez rematado o Salón Internacional de Gastronomía e Turismo Xantar, a Xunta de Galicia reinicia o proxecto que posibilitará un maior rendemento das instalacións de primeiro nivel de Expourense ao incorporar un novo uso ao recinto, ademais de toda a oferta feiral e de exposicións que desenvolve.

A viabilidade e a compatibilidade de usos son as principais características deste proxecto que atraerá a importantes atletas e deportistas á cidade de Ourense xa que cando as curvas da pista se baixan, a superficie sintética queda ao nivel adecuado para que poida usarse para outros deportes ou actividades. O proxecto para a construción da pista cumpre coas prescricións técnicas para garantir a compatibilidade das novas instalacións co actual uso do recinto. Cómpre salientar, ademais, que as pistas cubertas con peralte hidráulico axustable poden subirse e baixarse automaticamente nun período de tempo ao redor dos cinco minutos.

Vistas:  177

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 348 / 353 Fax: 881 996 356

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds