Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

08.03.2017

A Secretaría Xeral para o Deporte distribuirá preto de 3,7 millóns de euros entre as 59 federacións deportivas de galicia

Este orzamento supón un incremento do 5% sobre o destinado en 2016

Imprimir Atrás

 

Santiago, 8 de marzo de 2017.- A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, continúa neste ano 2017 co seu programa de apoio e colaboración coas 59 federacións deportivas galegas cun orzamento de 3.686.474 euros, o que supón un incremento do 5% euros sobre o destinado en 2016. As federacións deportivas galegas, na súa función de colaboradores da administración pública galega, son un importante axente dinamizador para levar a cabo a organización e desenvolvemento de programas e actividades que impulsen a súa modalidade deportiva no ámbito de Galicia.

A Secretaría Xeral para o Deporte vén de convocar aos responsables das 59 federacións galegas para informar sobre o convenio anual que posibilitará a realización do programa de promoción e desenvolvemento da modalidade deportiva de cada federación para o ano 2017. As reunións terán lugar a vindeira semana nas instalacións da Escola Galega de Administración Pública.

Deste xeito, nesta xuntanza poranse en común os criterios e os datos que xustifican as contías das subvencións que beneficiarán a cada federación. Entre os criterios a ter en conta destacan a análise da última tempada, o proxecto deportivo da federación para o ano 2017, criterios financeiros, económicos e administrativos, así como a importancia estratéxica para a Comunidade Autónoma, onde se atopan contidos como o proxecto deportivo para maiores de 40 anos, o fomento do deporte feminino, a inclusión de deportistas con discapacidade a promoción da igualdade no deporte e a consideración de deporte autóctono de Galicia.

Vistas:  162

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 348 / 353 Fax: 881 996 356

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds