Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

11.03.2017

A secretaria xeral marca como un dos obxectivos prioritarios de Galicia acadar “a igualdade efectiva entre as persoas do noso país”

Reivindica un deporte “plural, sen xénero nin idade, inclusivo, para todos e para todas”

Imprimir Atrás

A Peroxa (Ourense), 11 de marzo de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, participou na tarde de hoxe no I Torneo de Fútbol pola Igualdade que conmemora o Día Internacional da Muller e que organizan o Centro de Información á Muller da Mancomunidade de Santa Águeda xunto aos concellos de Amoeiro, Coles, A Peroxa e Vilamarín. Alí, a máxima responsable do deporte a nivel autonómico situou “a igualdade efectiva entre as persoas do noso país” como “un dos obxectivos prioritarios como colectivo, como pobo e como sociedade”. Neste sentido asegurou que “o que nos une a todos os galegos e galegas en torno a unha comunidade igualitaria e imparcial é precisamente o feito de ser galegos”.

Instantes antes de realizar o saque de honra dos partidos pola igualdade, Marta Míguez reivindicou un deporte “plural, sen xénero nin idade, inclusivo, para todos e para todas”. “O deporte é un motor de cambio social pola súa capacidade igualadora e xeradora dunha imaxe máis positiva das mulleres”, engadiu.

No campo de fútbol do Marco, a secretaria xeral aseverou que “ser home ou muller non determina o xeito de vivir, de ser, de sentir, de conseguir ou de facer deporte”. Por iso valorou eventos como este torneo de fútbol no que participan equipos mixtos formados por “representantes políticos, cidadáns, homes ou mulleres traballando conxuntamente de cara ao maior beneficio común”.

Tras lembrar que Galicia “non entende de divisións nin segregacións”, Marta Míguez salientou que “a educación e o deporte son as nosas ferramentas máis potentes para construír esa sociedade na que non existan etiquetas”. 

Vistas:  58

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 348 / 353 Fax: 881 996 356

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds