Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

17.03.2017

Marta Míguez destaca as medidas da Xunta para “acurtar o camiño cara a igualdade efectiva entre persoas”

Destaca medidas como incentivar á hora de asinar os convenios e de outorgar subvencións o número de licencias femininas e a porcentaxe de mulleres presentes nas xuntas directivas dos clubs e federacións deportivas; premiar as accións que velen pola igualdade efectiva entre mulleres e homes como a adhesión ao manifesto pola igualdade no deporte; valorar os proxectos das federacións relacionados co fomento do deporte feminino; garantir o dereito á igualdade salarial entre os traballadores e traballadoras das federacións; garantir esta mesma igualdade salarial nas subvencións aos deportista galegos de alto nivel; ou contemplar, no borrador do novo Decreto de deportistas de alto nivel, novas vantaxes para aquelas deportistas que decidan ser nais

Imprimir Atrás

Nigrán (Pontevedra), 17 de marzo de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, presentou esta mañá o programa ‘Mulleres bravas, bravísimas’ que desenvolve o IES Val Miñor con motivo do Día da muller e que ao longo deste mes de marzo levará a cabo unha programación transversal e interdisciplinar no ámbito da coeducación e a igualdade de oportunidades desde distintas frontes. Alí, a máxima responsable do deporte galego asegurou que, desde a Xunta de Galicia, “temos que coller exemplo daquelas mulleres que van abrindo o camiño cara unha sociedade onde prime a igualdade efectiva entre as persoas” e destacou as medidas levadas a cabo pola Secretaría Xeral para o Deporte para “acurtar o camiño cara a igualdade”.

Nesta liña, Marta Míguez destacou medidas como incentivar, á hora de asinar os convenios e de outorgar subvencións, o número de licencias femininas e a porcentaxe de mulleres presentes nas xuntas directivas dos clubs e federacións deportivas; premiar as accións que velen pola igualdade efectiva entre mulleres e homes, como a adhesión ao manifesto pola igualdade no deporte; valorar os proxectos das federacións relacionados co fomento do deporte feminino; garantir o dereito á igualdade salarial entre os traballadores e traballadoras das federacións; garantir esta mesma igualdade salarial nas subvencións aos  deportista galegos de alto nivel; ou contemplar, no borrador do novo Decreto de deportistas de alto nivel, novas vantaxes para aquelas deportistas que decidan ser nais.

Nas verbas que a secretaria xeral dirixiu aos 60 alumnos e alumnas de 4º de ESO no salón de actos do instituto, asegurou que “a igualdade entre homes e mulleres non é unha conquista que debamos acadar senón unha obriga e unha responsabilidade de todos e cada un de nós” e apuntou que “cada vez máis o deporte é plural, sen xénero, de todos e para todas”. “Queremos que siga sendo así e que prevaleza a nosa igualdade fronte as nosas diferenzas”, engadiu.

Mulleres bravas

Marta Míguez definiu ás mulleres bravas como aquelas mulleres “sen medo, sen complexos, loitadoras, dispostas a todo e libres”. Neste sentido, a secretaria xeral destacou nomes como os de María José Martínez Patiño, “unha muller exemplo en todas as facetas da súa vida” que “loitou contra as ataduras dos patróns sociais e incluso médicos que a afastaron da cima da súa carreira deportiva”. Tamén lembrou a deportistas como Vero Boquete, Ana Peleteiro, Solange Pereira, Tamara Abalde, Támara Echegoyen ou María Bernabéu, das que dixo que colonizaron “pouco a pouco, ámbitos reservados inxustamente para os homes”, acadando “pequenas conquistas da muller na sociedade xeral”. Por último, a titular de Deporte sinalou a Teresa Portela por “ensinarlle ao mundo que 14 medallas mundiais, 17 europeas e 5 diplomas olímpicos en piragüismo son compatibles co feito de ser nai e estar en activo”. 

Vistas:  25

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 348 / 353 Fax: 881 996 356

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds