Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

27.03.2017

Marta Míguez presenta o Medio Maratón Vig Bay como “unha das carreiras populares máis importantes de Galicia”

Salienta que a Vig Bay é unha proba que consta dun recorrido de “21.097 metros que discorren por paraxes espectaculares baixo a atenta mirada das Illas Cíes”

Imprimir Atrás

Vigo, 27 de marzo de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou na mañá de hoxe na presentación do XVIII Medio Maratón Gran Baía Vig-Bay que terá lugar o vindeiro 2 de abril nos concellos de Vigo, Nigrán e Baiona. Alí, a máxima responsable do deporte galego na Comunidade salientou que a Vig Bay é unha proba que consta dun recorrido de “21.097 metros que discorren por paraxes espectaculares baixo a atenta mirada das Illas Cíes: un dos nosos mellores patrimonios paisaxísticos”. Por iso, dixo a secretaria, “na Vig Bay deporte e natureza únense nun binomio perfecto”.

Asemade, a titular de Deporte dixo que esta XVIII edición do medio maratón Vig Bay demostra que “en 17 anos de historia xa ten acadado ser unha das carreiras populares máis importantes de Galicia, pola afluencia de corredores e pola coidada atención que a organización presta a todo tipo de detalles, por exemplo no que respecta á seguridade”. Nesta punto, Marta Míguez recoñeceu o traballo das Forzas e Corpos de Seguridade “que velan porque as competicións transcorran coa maior normalidade”.

A secretaria xeral para o Deporte asegurou nas súas verbas que “as carreiras populares axúdannos no noso labor de instaurar uns hábitos de vida saudables na cidadanía evitando o sedentarismo e as súas consecuencias”. Por todos estes valores, anunciou que “desde a Xunta de Galicia continuamos apoiando esta iniciativa como vimos facendo nos últimos anos”.

Marta Míguez tamén incidiu en que “a Vig Bay é para todos, pero non é para calquera” e falou da “esixencia de correr 21.097 metros” que “supón un gran esforzo que require adestramento, fortaleza mental e, por suposto, unha correcta hidratación e alimentación”.

Vistas:  179

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds