Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

01.04.2017

Marta Míguez subliña a importancia dunha "rede de institucións, entidades e persoas" para seguir sendo "referente na organización e seguridade de eventos deportivos"

Argumenta que “do mesmo xeito que os atletas prepáranse para bater as súas propias marcas e dar o mellor de si mesmos na competición, os xestores deportivos debemos adestrar toda a tempada para, cando chega o momento da verdade, non fallar”

Imprimir Atrás

Ourense, 1 de abril de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, clausurou na mañá de hoxe o curso ‘Organización e desenvolvemento de eventos deportivos: as claves do éxito’ organizado pola Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do Campus de Ourense e o Club Náutico de Castrelo de Miño. No salón de actos da facultade ourensá, a máxima responsable do deporte galego salientou a importancia da creación dunha “rede de institucións, entidades e persoas que poñan en común o seu traballo á fronte da organización de eventos” para que “Galicia siga a ser un referente neste ámbito e de que sigamos contribuíndo a ter unha maior seguridade para deportistas e público”.

Na súa intervención, a secretaria xeral sinalou que “o deporte precisa dun traballo constante e denodado para que todos os aspectos dunha proba ou competición estean perfectamente definidos e non xurdan incidentes negativos”. Neste sentido argumentou que “do mesmo xeito que os atletas prepáranse para bater as súas propias marcas e dar o mellor de si mesmos na competición, os xestores deportivos debemos estar en constante formación para, cando chega o momento da verdade, estar á altura dos grandes eventos que se organizan en Galicia”.


Marta Míguez falou da súa experiencia como organizadora de diferentes eventos deportivos e destacou que a Xunta de Galicia ten “un gran apoio doutras entidades que tamén se ocupan da seguridade pública”. Respecto ao curso da Universidade de Vigo asegurou que “este tipo de actividades que organizan as universidades e outras institucións son moi importantes para nutrirnos de coñecementos e experiencias de diferentes organizacións”.

Vistas:  145

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds