Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

19.04.2017

Marta Míguez di que a Xunta "defende, defendeu e defenderá sempre os intereses das federacións galegas"

Apunta que, respecto ao financiamento das 59 federacións deportivas, “contamos cun orzamento de 3,6 millóns de euros, o que supón un incremento do 5,12% sobre o destinado en 2016”

Imprimir Atrás

Santiago, 19 de abril de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, compareceu no día de hoxe para responder no Parlamento de Galicia a unha pregunta sobre o financiamento das federacións deportivas galegas. Alí, a titular do departamento autonómico de Deporte sinalou que a “forte crise financeira mundial afectou tamén a Galicia, que tivo que facer máis con menos”. Deste xeito, os orzamentos da Xunta diminuíron responsablemente ata o ano 2016, cando foron aprobados os primeiros orzamentos expansivos desde 2008. Neste exercicio 2017, a secretaria xeral apuntou que respecto ao financiamento das 59 federacións deportivas, “contamos cun orzamento de 3,6 millóns de euros, o que supón un incremento do 5,12% sobre o destinado en 2016”. “A Xunta defendeu, defende e defenderá sempre os intereses das federacións deportivas, priorizando os cartos destinados a estas por riba doutras partidas”, engadiu.

Na súa intervención no hemiciclo galego, Marta Míguez informou que, “se separamos os orzamentos destinados á Universidade da Coruña para INEF Galicia e á Fundación Deporte Galego, a partida destinada ás transferencias correntes a entidades e federacións deportivas, supón o 40% do orzamento total da Secretaría Xeral para 2017, cando en 2009, esta porcentaxe supoñía o 23%”.

A secretaria xeral para o Deporte lembrou que “isto foi posible grazas ao incremento de 312.812 euros acadado na partida destinada ás transferencias correntes a entidades e federacións”. “Un incremento concedido pola Presidencia da Xunta entendendo a importancia destes axentes para Galicia”, incidiu.

Á vista destes datos, a máxima responsable do deporte a nivel autonómico sinalou que “queda patente o esforzo da Xunta por manter a actividade federada en Galicia” xa que “son outros capítulos da Secretaría Xeral para o Deporte os que soportaron a caída orzamentaria deste departamento, priorizando sempre e en todo momento as partidas destinadas a clubs e federacións para que estes puideran organizar a súa actividade cada ano mantendo os elementos básicos e fundamentais para poder competir e prescindindo doutros máis superfluos”.

Na súa intervención na cámara galega Marta Míguez deixou clara a “importancia que teñen as federacións dentro do tecido deportivo galego”. “As federacións deportivas galegas, na súa función de colaboradores da administración pública galega, son un importante axente dinamizador para levar a cabo a organización e desenvolvemento de programas e actividades que impulsen a súa modalidade deportiva no ámbito de Galicia polo que desde a Secretaría Xeral considérase imprescindible o apoio que lle brindamos ano a ano”, engadiu. En canto á aprobación dos convenios coas federacións deportivas de Galicia, a secretaria xeral adiantou que “mañá mesmo” serán aprobados no Consello da Xunta.

Rede do Deporte Galego

Na liña de colaboración e consenso coas federacións deportivas galegas, Marta Míguez destacou a importancia da creación da Rede do Deporte Galego como “unha plataforma que incluirá foros, xornadas de formación, axendas de traballo e reunións que, de forma periódica e por sectores, posibilitarán encontros para a posta en común de coñecementos e experiencias, garantindo un tecido colaborativo forte e competitivo”.

Neste sentido destaca o Foro de Deporte Federado ‘Optimizando sinerxías’ que tivo lugar tamén hoxe como “un encontro que se nutre dese espírito de consenso e de busca de lugares comúns de entendemento entre todos os actores do tecido deportivo galego para o beneficio de quen máis nos debe importar, os deportistas e as deportistas de Galicia”.

Baremos dos convenios

No tocante a publicación dos baremos dos convenios coas federacións do ano 2017, a secretaria xeral sinalou que no caso dos convenios “non hai lugar á concorrencia competitiva, polo que non se trata dunha orde de axudas na que haxa que establecer e publicar unhas puntuacións”.

Non entanto, Marta Míguez relatou os criterios máis importantes que determinan a contía dos convenios como a análise técnica da última tempada rematada (deporte olímpico, número de licencias, número de clubs, número de deportistas en competicións oficiais, resultados, orzamento da tempada anterior), o proxecto deportivo para o ano 2017 (organización de actividades de formación, de campionatos galegos, programas de deporte base, de tecnificación, de rendemento, de alto rendemento, de alto rendemento orientados a Tokio 2020, programas específicos para o fomento do deporte feminino, para o fomento e integración de deportistas con discapacidade, para o fomento do deporte en maiores de 40 anos), a importancia estratéxica para a Comunidade Autónoma (deporte autóctono, retorno económico, proxectos puntuais de especial relevancia) así como outros criterios económicos e administrativos.

Deporte en idade escolar

Relativo ao deporte en idade escolar e ao problema da obesidade infantil, Marta Míguez sinalou que “limitar o problema da obesidade infantil a práctica deportiva federada é non comprender o problema ao que nos enfrontamos”. “O incremento da obesidade en todo o mundo, e non soamente na idade escolar, é un problema multifactorial arrastrado dende décadas polo que así mesmo deben ser as nosas actuacións”, dixo.

Deste xeito, a secretaria xeral asegurou que desde a Xunta de Galicia “traballamos conxuntamente coas federacións, coas familias, cos centros educativos, as ANPAS e os servizos de pediatría” porque “o deporte en idade escolar é e será sempre unha prioridade para a Xunta de Galicia”.

“Para garantir que as nosas actuacións cheguen ao 100% dos nenos e nenas galegos, non só aos federados”, comentou a responsable de Deporte, “traballamos no desenvolvemento dunha rede de Centros Activos e Saudables en colaboración coa Consellería de Educación, en preto de 200 centros educativos ao abeiro do Proxecto Deportivo de Centro (PDC) e cada vez son máis os centros que ofertan optativas sobre estilos de vida saudable”. A secretaria xeral falou tamén do programa Xogade, que recolle toda a actividade deportiva e lúdica, en idade escolar promovida dende a Xunta de Galicia e conta cun orzamento de 805.150 euros neste 2017, un 11% máis que en 2016.  

Vistas:  184

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds