Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

19.04.2017

A secretaria xeral para o Deporte insiste na importancia das sinerxias e da comunicación directa coas federacións na inauguración do Foro de Deporte Federado

Sinala que por mor da “forte crise financeira mundial que afectou tamén a Galicia, os orzamentos da Xunta diminuíron responsablemente”, pero que neste exercicio 2017, as 59 federacións deportivas, “contan cun orzamento de 3,6 millóns de euros, o que supón un incremento do 5,12% sobre o destinado en 2016”

Imprimir Atrás

Santiago, 19 de abril de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, acompañada dos subdirectores xerais de Plans e Programas, Miguel López e de Xestión Deportiva, María Teresa Lorenzo, recibiu a numerosos representantes das federacións deportivas galegas na inauguración do Foro de Deporte Federado ‘Optimizando sinerxías’ onde se compartiron posturas, reflexións e análises da situación actual do deporte galego desde a perspectiva do deporte federado, así como as propostas presentadaspola Secretaría Xeral para o Deporte, coa fin de aproximar obxectivos dun xeito harmónico e responsable. A máxima responsable do deporte a nivel autonómico insistiu na “importancia das sinerxías e da comunicación directa coas federacións, como importante axente dinamizador do deporte en Galicia, para acadar obxectivos comúns”.

Un dos temas tratados na reunión mantida hoxe no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública foi o financiamento das federacións deportivas galegas. A secretaria xeral, ao igual que fixo esta mesma tarde no Parlamento de Galicia, sinalou que por mor da “forte crise financeira mundial que afectou tamén a Galicia, os orzamentos da Xunta diminuíron responsablemente”, pero que neste exercicio 2017, as 59 federacións deportivas, “contan cun orzamento de 3,6 millóns de euros, o que supón un incremento do 5,12% sobre o destinado en 2016”.

Na reunión expuxéronse diversas cuestións que tiveron resposta automática e outras que serán tratadas na vindeira reunión do foro que terá lugar no próximo mes de xuño. Deste xeito, outros temas tratados foron as cuestións relativas ao proceso de elección das federacións do vindeiro ano, a busca de maiores beneficios para os deportistas de alto nivel, a regularización dos usos do Centro de Tecnificación Deportiva de Galicia, a sinaléctica na vía pública para ciclistas, a primeira asistencia médica para deportistas no Sergas, a diminución de trámites burocráticos, posibles convenios con entidades bancarias, os patrocinios privados, a relación coas federacións españolas ou a reactivación da Escola Galega do Deporte.

Rede Deporte Galego

O Foro de Deporte Federado forma parte da Rede Deporte Galego, que botou a andar o pasado 10 de abril cunhas xornadas de formación para facilitar o acceso e o manexo da comunicación e administración telemática das federacións deportivas galegas. A creación da Rede da cumprimento a unha das promesas contidas no programa electoral de 2016 no que se propuña esta plataforma. A Rede incluirá foros, xornadas de formación, axendas de traballo e reunións que, de forma periódica e por sectores, posibilitarán encontros para a posta en común de coñecemento e experiencias, garantindo un tecido colaborativo forte e competitivo. Nestes foros abarcarase desde os sectores tradicionais do deporte (axentes ou eventos deportivos, entre outros) pasando por outros máis novidosos como o da investigación, desenvolvemento e innovación, ou o do turismo.

Deste xeito, a Rede Deporte Galego garantirá unha auténtica Administración pública colaborativa do e para o deporte galego, ao servizo das súas necesidades; actuará como canle de comunicación entre os distintos sectores do noso deporte; e estará ao servizo dos restantes obxectivos xerais da lexislatura.  

Vistas:  207

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds