Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

20.04.2017

Marta Míguez felicita aos 35 campións e campioas de España da provincia de Ourense que "fan máis grande a Galicia cos seus resultados"

Recoñece que “é un pracer continuar con esta rolda de recibimentos aos campións e campioas nacionais de Galicia” xa que a través deste tipo de actos ponse de manifesto “a importancia do noso deporte a nivel local, autonómico, nacional e tamén internacional”

Imprimir Atrás

Ourense, 20 de abril de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, recibiu no serán de hoxe aos 35 campións e campioas de España naturais da provincia de Ourense. A máxima responsable do deporte a nivel autonómico felicitou a estes 35 deportistas polos seus éxitos pero tamén agradeceu “o traballo constante e denodado” que “fai máis grande a Ourense e fai máis grande a Galicia cos seus resultados”.

Tras as recepcións levadas a cabo esta semana aos deportistas das áreas de Vigo e Pontevedra, Marta Míguez recoñeceu que “é un pracer continuar con esta rolda de recibimentos aos campións e campioas nacionais de Galicia” xa que a través deste tipo de actos ponse de manifesto “a importancia do noso deporte a nivel local, autonómico, nacional e tamén internacional”.

A secretaria xeral describiu aos deportistas como “referentes, exemplos a seguir en xeracións máis novas que ven en vós espírito de superación, perseveranza, constancia, resiliencia e, en definitiva, a vontade de ser mellores cada día”. Ademais, Marta Míguez cualificou aos campións e campioas da provincia de Ourense como “orgullo para toda a sociedade galega”. “Sodes os mellores nas vosas disciplinas nun país de 46 millóns de habitantes”, engadiu.

A titular do Deporte galego quixo felicitar tamén aos familiares, amigos e adestradores e a todas aquelas persoas “que vos acompañan no camiño da excelencia competitiva”.

Os 35 campionatos de España de deportistas de Vigo e a súa área foron acadados en deportes representados polas federacións de judo e deportes asociados (6), kung-fu (8), fútbol (4), pesca (2), ximnasia (2), piragüismo, fútbol sala (4), baloncesto, deporte adaptado (3), kickboxing, atletismo, automobilismo e tiro olímpico.

Vistas:  114

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds