Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

24.04.2017

Marta Míguez asina nas catro provincias galegas os convenios de colaboración coas federacións deportivas de Galicia

A primeira hora, Marta Míguez asinou en Ourense os convenios de colaboración coas federacións da provincia para facer o mesmo no mediodía de hoxe coas federacións de Vigo e a súa área

Imprimir Atrás

Santiago, 24 de abril de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, asinou hoxe nas principais cidades das catro provincias galeas os convenios de colaboración coas federacións deportivas de Galicia que foron aprobados o pasado xoves no Consello da Xunta e que alcanzan un importe de 3.345.216,20 euros para 58 federacións deportivas de Galicia.

Deste xeito, a primeira hora, Marta Míguez asinou en Ourense os convenios de colaboración coas federacións da provincia para facer o mesmo no mediodía de hoxe coas federacións de Vigo e a súa área. Xa na quenda da tarde, a secretaria xeral estivo en Santiago, Coruña e Lugo onde asinou os acordos coas federacións propias da área compostelá e das provincias coruñesa e lucense.

A sinatura destes acordos posibilitará o acceso dos cidadáns á práctica da actividade deportiva federada levada a cabo polas federacións deportivas como axentes colaboradores para a promoción e desenvolvemento das súas respectivas modalidades deportivas para o exercicio 2017. O obxecto dos convenios é regular a colaboración entre as partes asinantes co fin de realizar na súa integridade a totalidade das actuacións, actividades, funcións e cometidos que, conforme á Lei, asumen as federacións deportivas en réxime de exclusividade.

A contía dos convenios establécese tendo en conta criterios obxectivos de cada federación como as liñas de gastos xerais de funcionamento, campionatos galegos, tecnificación, rendemento, alto rendemento, Toquio 2020, fomento do deporte feminino, fomento e integración de deportistas con discapacidade, fomento do deporte en maiores de 40 anos, proxectos de especial relevancia (PER) e outras actividades de promoción e fomento da modalidade con especial interese nas actividades en idade escolar (onde se inclúen as arbitraxes do Xogade).


A sinatura destes convenios inclúese no capítulo IV dos Orzamentos da Secretaría Xeral para o Deporte -destinado aos pagamentos á Universidade da Coruña para INEF Galicia, á Fundación Deporte Galego e as partidas destinadas ás transferencias correntes a entidades e federacións deportivas-. Este capítulo conta cun orzamento de 10.531.627 euros tras acadar un aumento orzamentario de 312.812 euros neste mesmo ano. No caso das transferencias correntes a entidades e federacións deportivas a Secretaría Xeral para o Deporte conta cun orzamento de 5.768.286 euros tras rexistrar un incremento de máis do 5% (5,25%) con respecto ao consignado en 2016 (5.480.734 euros). Ademais, para as transferencias ás 59 federacións deportivas galegas, a Secretaría Xeral dispón dun orzamento de 3.606.474 euros, o que supón un incremento do 5,12% euros sobre o destinado en 2016 (3.430.734 euros). 

Vistas:  184

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds