Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

24.04.2017

Marta Míguez di que a Challenge Cup de baloncesto en cadeira de rodas acadará "a integración, o posicionamento e a visibilidade do deportista con diversidade"

Asegura que que “é unha garantía de éxito” que esta asociación “organice un evento de tanta magnitude, pola experiencia demostrada”

Imprimir Atrás

Vigo, 24 de abril de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, participou na mañá de hoxe na presentación da Copa de Europa Challenge Cup de baloncesto en cadeira de rodas que se celebrará en Vigo do 27 ao 30 de abril. A máxima responsable do deporte a nivel autonómico destacou a importancia deste evento “polo potencial que posúe o deporte para persoas con discapacidade para acadar a integración do deportista, o seu posicionamento na sociedade e a súa inclusión efectiva, a visibilidade e a transcendencia que ten na sociedade e no deporte, así como a promoción do baloncesto en cadeira de rodas e outras actividades que cheguen a toda a masa de practicantes com oa creación das escolas deportivas”. Concretamente, a secretaria xeral destacou o baloncesto de cadeira de rodas como un deporte no que “non se establece diferencia entre xéneros”.

A titular de Deporte galego destacou tamén a repercusión mediática que terá a Challenge Cup na que “se poderán ver a oito dos mellores equipos de baloncesto en cadeira de rodas de toda Europa entre os que estará o AMFIV”. Respecto da Asociación de Minusválidos Físicos de Vigo, Marta Míguez dixo que “é unha garantía de éxito” que esta asociación “organice un evento de tanta magnitude, pola experiencia demostrada”.

Contra a final do seu discurso, a secretaria xeral apuntou que no mes de abril “a sociedade galega poderá gozar do mellor baloncesto en cadeira de rodas coa mellor afección”. Unha oportunidade inmellorable, dixo, “para mostrar a nosa Comunidade a todo o tecido deportivo que vén de fóra e a posibilidade de mostrar o noso patrimonio como o equipo da AMFIV que será o noso mellor representante”.  

Vistas:  97

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds