Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

27.04.2017

Marta Míguez valora dos 89 campións de España da provincia da Coruña "o seu espírito de superación e a vontade de ser mellores cada día"

“Eses son os valores que queremos para os máis pequenos: a idea de poder acadar todo o que se propoñan e a consolidación duns hábitos de vida saudables”, engadiu

Imprimir Atrás

Santiago, 27 de abril de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, recibiu no serán de hoxe aos 89 campións e campioas de España naturais da provincia da Coruña. A máxima responsable do deporte a nivel autonómico felicitou a estes 89 deportistas polos seus éxitos dos que destacou “o seu espírito de superación, perseveranza, constancia, resiliencia e, en definitiva, a vontade de ser mellores cada día”. “Eses son os valores que queremos para os máis pequenos: a idea de poder acadar todo o que se propoñan e a consolidación duns hábitos de vida saudables”, engadiu.

Nas súas verbas, Marta Míguez cualificou aos campións e campioas da provincia da Coruña como “orgullo para toda a sociedade galega”. “Sodes os mellores nas vosas disciplinas nun país de 46 millóns de habitantes”, engadiu.

A titular do Deporte galego quixo felicitar tamén aos familiares, amigos e adestradores e a todas aquelas persoas “que vos acompañan no camiño da excelencia competitiva”.

Tras as recepcións levadas a cabo aos deportistas das áreas de Vigo, Pontevedra, Ourense e Lugo, Marta Míguez recibiu aos campións e campioas da provincia da Coruña. Marta lembrou aos 388 campións e campioas nacionais de Galicia aos que describiu como “parte capital do patrimonio galego”.

Os 89 campionatos de España de deportistas da provincia da Coruña foron acadados en deportes representados polas federacións de atletismo (7), automobilismo (5), baloncesto, boxeo (3), ciclismo, deporte adaptado (3), deportes de inverno, fútbol sala (5), halterofilia (8), hípica, judo (5), karate (4), kickboxing (6), loita (2), natación (3), orientación, pesca (2), piragüismo (7), remo (7), taekwondo (4), squash, surf, tenis de mesa (2), tiro con arco (2), tiro olímpico (3), tríatlon, vela (2) e voleibol (2).

Vistas:  214

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds