Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

29.04.2017

A Xunta de Galicia informa que o foso de formigón da pista de atletismo cuberta de Ourense xa está rematado e a principios de xuño dará comezo a montaxe da estrutura

A obra continúa segundo o plan establecido cumprindo todos os prazos, polo que a primeiros do mes de xuño comezarase a montar a estrutura da pista que levará as cores, segundo a carta de cores base, P58 (amarelo), P18 (azul mariño) e P85 (azul cian)

Imprimir Atrás

Santiago, 29 de abril de 2017.- A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, vén de informar do estado actual das obras de construción da pista de atletismo hidráulica cuberta no recinto feiral da Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense (Expourense), reiniciadas no pasado mes de marzo. No momento actual, o foso de formigón no que se montará a pista hidráulica xa está rematado, así como a estrutura e a cuberta da ampliación dos espazos auxiliares.

Tras montar o armado de muros e lousas, executar o formigón de limpeza e picar recrecido na cuberta plana, iranse retirando progresivamente os stands existentes para realizar o trazado de instalacións ou a estrutura de foto finish.

Deste xeito, a obra continúa segundo o plan establecido cumprindo todos os prazos, polo que a primeiros do mes de xuño dará comezo a montaxe da estrutura da pista que levará as cores, segundo a carta de cores base, P58 (amarelo), P18 (azul mariño) e P85 (azul cian).

Grazas a construción desta pista cun sistema hidráulico que permite a total compatibilidade do uso deportivo co uso feiral ao que se destina o espazo, Galicia terá a primeira pista de atletismo hidráulica cuberta que pasará a ser unha das tres mellores de España contando coa tecnoloxía máis moderna de todas as existentes.

A pista de Expourense terá seis rúas en pista circular de 200 metros de perímetro, oito rúas en pista recta, zona de lanzamento de peso, zona de saltos de altura, lonxitude, triplo salto e pértega. A pista de atletismo cumprirá coas novas especificacións da Federación Internacional de Atletismo (IAAF) que serán acordadas no vindeiro congreso que se celebrará en agosto do presente ano en Londres e que xa foron confirmadas á Secretaría Xeral do Deporte a través da Real Federación Española de Atletismo.

A viabilidade e a compatibilidade de usos son as principais características deste proxecto que atraerá a importantes atletas e deportistas á cidade de Ourense xa que cando as curvas da pista se baixan, a superficie sintética queda ao nivel adecuado para que poida usarse para outros deportes ou actividades. O proxecto para a construción da pista cumpre coas prescricións técnicas para garantir a compatibilidade das novas instalacións co actual uso do recinto. Cómpre salientar, ademais, que as pistas cubertas con peralte hidráulico axustable poden subirse e baixarse automaticamente nun período de tempo ao redor dos cinco minutos.

Vistas:  147

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds