Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

05.05.2017

A Secretaría Xeral para o Deporte inicia o proceso para resolver a solicitude da FGF para a desinscripción da FGFS

A Federación Galega de Fútbol Sala poderá aducir no prazo máximo de dez días as alegacións que considere oportunas así como achegar documentos ou outros elementos de xuízo previamente á redacción da proposta de resolución

Imprimir Atrás

Santiago, 5 de maio de 2017.- A Secretaría Xeral para o Deporte vén de iniciar no día de onte o proceso para resolver a solicitude de desinscripción da Federación Galega de Fútbol Sala do Rexistro de clubs, federacións e entidades deportivas de Galicia, así como a súa integración na Federación Galega de Fútbol.

Deste xeito, a Secretaría Xeral para o Deporte dá traslado da solicitude á Federación Galega de Fútbol Sala para que poida aducir no prazo máximo de dez días as alegacións que considere oportunas así como achegar documentos ou outros elementos de xuízo previamente á redacción da proposta de resolución. Unha vez transcorrido este prazo e avaliadas as alegacións presentadas, a Secretaría Xeral formulará a proposta de resolución pertinente.

A solicitude da Federación Galega de Fútbol, presentada o 27 de decembro de 2016, xurde tras a sinatura dun convenio en 2012 no que ambas partes manifestaban a intención de unificar as entidades na tempada 2013-2014, establecendo que o fútbol sala era unha especialidade da modalidade deportiva do fútbol. Na última xuntanza mantida entre as federacións e a Secretaría Xeral para o Deporte acordouse elaborar unha proposta para conseguir a integración do fútbol sala na Federación Galega de Fútbol que foi remitida a ambas federacións presentando alegacións. O inicio do proceso para a resolución desta solicitude vén motivado polas posturas afastadas que presentan ambas federacións tras 5 anos de negociacións impedindo a fusión de mutuo acordo.

Cómpre salientar tamén que a Lei do Deporte de Galicia establece que corresponde á Administración autonómica “recoñecer e cualificar novas modalidades e especialidades deportivas, así como establecer os criterios e requisitos para o seu recoñecemento”.

A Xunta de Galicia apostará sempre pola mellor organización, funcionalidade e administración deportiva tanto no ámbito autonómico como no estatal das federacións deportivas. As accións da Secretaría Xeral para o Deporte estarán sempre orientadas á defensa do interese xeral das actividades deportivas e dos practicantes das mesmas, que no caso do fútbol e do fútbol sala contan con 62.703 e 25.253 licencias respectivamente.

Vistas:  252

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds