Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

16.05.2017

A Secretaría Xeral para o Deporte e a Federación Galgea de Piragüismo asinan o convenio para o mantemento, conservación e funcionamento de Vereducido

Para o cumprimento deste convenio, que estará vixente ata o 31 de decembro de 2017, a Secretaría Xeral para o Deporte concederá á Federación unha subvención de 105.000 euros, o que representa un incremento do 5% con respecto ao orzamento consignado a este concepto no ano 2016 (100.000 euros)

Imprimir Atrás

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2017.- A Secretaría Xeral para o Deporte, en nome da súa titular Marta Míguez e a Federación Galega de Piragüismo, representada polo seu presidente, Alfredo Bea,veñen de asinar o convenio de colaboración entre ambas as dúas entidades para levar a cabo as actividades de mantemento e conservación do Complexo Náutico e Campo de Regatas David Cal en Verducido, Pontillón do Castro, no Concello de Pontevedra, así como para os gastos de funcionamento destas instalacións pola cesión outorgada pola Secretaría Xeral para o Deporte á Federación de Piragüismo. Para o cumprimento deste convenio, que estará vixente ata o 31 de decembro de 2017, a Secretaría Xeral para o Deporte concederá á Federación unha subvención de 105.000 euros, o que representa un incremento do 5% con respecto ao orzamento consignado a este concepto no ano 2016 (100.000 euros). O convenio foi autorizado o pasado xoves polo Consello da Xunta.

Deste xeito dáse cumprimento á competencia exclusiva da Comunidade Autónoma establecida no Estatuto de Autonomía da promoción do deporte (artigo 27.22), correspondéndolle á Secretaría Xeral para o Deporte as competencias de elaboración, proposta e execución da política do goberno galego en materia de deportes. No exercicio desta competencia, a Xunta de Galicia proxectou e executou a obra de construción do Complexo Náutico e Campo de Regatas David Cal en Verducido, co obxectivo de destinarse á formación, preparación e especialización dos deportistas galegos da modalidade do piragüismo. O Complexo Náutico debe ser xestionado de tal xeito que garanta o seu máximo rendemento deportivo, a través da aplicación de acertados programas técnico-deportivos que abarquen desde a base ao alto rendemento, garantindo un contexto idóneo para o crecemento e desenvolvemento dos deportistas galegos nos ámbitos deportivo, pedagóxico e social.

Ademais da mellora da tecnificación e rendemento no piragüismo de Galicia, cómpre optimizar o centro de cara á consecución de melloras similares en todas aquelas modalidades deportivas que poidan beneficiarse do uso destas instalacións polas súas características especificas e posibilidades que ofrecen. Deste xeito, segundo a Resolución do 6 de setembro de 2010, a Secretaría Xeral para o Deporte concedeu un permiso de ocupación temporal do complexo de Verducido a favor da Federación Galega de Piragüismo, coa finalidade de que esta desenvolva os programas de iniciación, tecnificación, rendemento e de alto nivel dos deportistas galegos desa modalidade deportiva co obxectivo de proxectalos á elite mundial.

Ademais das funcións establecidas no convenio e que se cinguen ao mantemento, conservación e funcionamento do complexo deportivo, a Federación Galega de Piragüismo deberá velar pola igualdade efectiva entre mulleres e homes así como cumprir o establecido na Lei 19/2007 do 11 de xullo, contra a violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia no deporte; colaborar, fomentar e facilitar a participación no deporte das persoas con algunha discapacidade, tal e como se establece no artigo 51 da Lei 3/2012, do 2 de abril; posibilitar a participación inclusiva de todas as persoas deportistas independentemente da súa raza, inclinación sexual, ideoloxía, sexo, discapacidade, relixión e nivel de rendemento, con especial atención nas actuacións correspondentes ao programa de deporte en idade escolar; velar polo cumprimento das normas fixadas polas autoridades en materia de prevención e loita contra a dopaxe no deporte; velar polo cumprimento das normas fixadas polas autoridades en materia de loita contra a violencia no deporte; fomentar a posta en práctica de medidas encamiñadas á prevención de accidentes deportivos con especial atención á poboación en idade escolar; ou garantir os dereitos lingüísticos de todas as persoas, empregando o galego e o castelán nas súas comunicacións.  

Vistas:  188

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds