Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

18.05.2017

A secretaria xeral para o Deporte amosa "orgullo e agradecemento" ao afirmar que "Galicia é unha das comunidades máis puxantes no eido da traumatoloxía deportiva"

Destaca a importancia de debates en torno da muller deportista como “a mesa de debate que se centrará exclusivamente na muller futbolista e nas diferenzas fisiolóxicas existentes co home para poder tratar mellor as posibles lesións”

Imprimir Atrás

Pontevedra, 18 de maio de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou esta mañá na inauguración oficial do XII Congreso Bienal da Sociedade Española de Traumatoloxía do Deporte (Setrade) celebrado no Pazo da Cultura de Pontevedra. Alí, a máxima responsable do deporte a nivel autonómico referiuse á Sociedade Española de Traumatoloxía do Deporte como “unha excelente vantaxe para a nosa sociedade, para a nosa medicina e como non, para o noso deporte”. Unha disciplina que, dixo a secretaria, “debe continuar progresando para ofrecer máis posibilidades e beneficios aos nosos cidadáns e deportistas”. Por iso, sentenciou Marta Míguez “temos un sentimento de orgullo e de agradecemento cando afirmamos que Galicia é unha das comunidades máis puxantes no eido da traumatoloxía deportiva” e lembrou aos dous últimos médicos do Celta e da selección española de fútbol como son o xa finado Genaro Borrás e Juan José García Cota, naturais de Vigo e da Estrada.

Nas súas verbas, a secretaria xeral agradeceu ao Comité Organizador a elección dos temas a tratar neste congreso centrados nun “deporte en pleno apoxeo” como o running, o fútbol e o baloncesto, “tres das modalidades deportivas máis practicadas en Galicia e en España”.

Concretamente, a titular de Deporte destacou a importancia de debates en torno da muller deportista como “a mesa de debate que se centrará exclusivamente na muller futbolista e nas diferenzas fisiolóxicas existentes co home para poder tratar mellor as posibles lesións”. Este tipo de iniciativas axudan a “acadar o deporte igualador, equitativo e plural que todos perseguimos, un deporte sen xénero nin idade, para todos e para todas”. “Só tendo en conta as diferenzas anatómicas que non se poden obviar, a medicina estará a ofrecer a atención integral necesria que reclamamos para os nosos e as nosas deportistas”, engadiu.


A secretaria xeral concluíu lembrando a colaboración da Xunta de Galicia co Congreso Bienal da Sociedade Española de Traumatoloxía do Deporte que contribúe a acadar “unha Galicia saudable e activa que descansa sobre as mans dos mellores profesionais”. 

Vistas:  41

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds