Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

25.05.2017

A secretaria xeral presenta a 50 Edición do Rallye de Ourense como "a mellor porba de automobilismo celebrada en España"

Asegura que “a 50 edición do Rallye de Ourense ten todos os ingredientes para ser lembrada por moito tempo e facer aínda máis especial esta cita”

Imprimir Atrás

Ourense, 25 de maio de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, presentou este serán no Liceo de Ourense a 50 edición do Rallye de Ourense, un evento que definiu como “a mellor proba de automobilismo celebrada en España”, recoñecemento acadado en 2016. Ao fío desta idea, a máxima responsable do deporte a nivel autonómico salientou que “a 50 edición do Rallye de Ourense ten todos os ingredientes para ser lembrada por moito tempo e facer aínda máis especial esta cita”, unha cicrunstancia que uniu á “ambición da Escudería Ourense e da xente que colabora cada ano neste evento que non ten límites”.

Nas súas verbas, Marta Míguez, fixo un breve repaso a historia do Rallye de Ourense e realizou unha mención especial a Estanislao Reverter, “pioneiro do automobilismo en Galicia, pai da Escudería Ourense, do rally da nosa cidade e do Alpinche”. Precisamente, a secretaria xeral referiuse a “lección de coidado e coraxe” que nos deixou Estanislao Reverter ao fabricar o Alpinche -“un vehículo tan espectacular como invencible”- a partir do Renault Alpine A110 e do Porsche 911 R.

“O coidado co que Reverter fusionou a carrocería do Alpine coas pezas do Porsche é equiparable ao mimo co que ano tras ano se tratan todos as cuestións relativas ao Rallye de Ourense: o traballo denodado de decenas de voluntarios, a tranquilidade garantida polas Forzas e Corpos de Seguridade, a atención aos pilotos, a elección do trazado ou o comportamento responsable do público”, dixo. Ao que continuou dicindo que “a coraxe coa que Reverter se subiu por primeira vez ao Alpinche, despois de salvar ao vehículo dun incendio orixinado no seu taller e que lle ocasionou queimaduras na cara e unha evidente mingua do seu estado físico é equivalente ao arroxo e a valentía coa que os mellores pilotos do panorama nacional chegan a Ourense para enfrontarse a un percorrido cada ano máis esixente causando as delicias dos espectadores”.

Cara o final do seu discurso, a secretaria xeral asegurou que o Rallye de Ourense é unha proba que conta cun futuro no que “agardo que, como na edición de 2016, as mulleres esteamos representadas no caixón máis alto do podio” en referencia a copiloto gañadora Rebeca Liso. “Estou segura de que conquistando o ámbito da igualdade, o Rallye de Ourense pasará da excelencia á perfección”, concluíu.

50 Rallye de Ourense

O Rallye de Ourense xa é unha proba máis que consolidada no calendario do Campionato de España de Rallyes de Asfalto e incluso nos anos 79 e 80 foi puntuable para o Campionato de Europa de Rallyes. Recoñecida en 2016 como a mellor proba nacional, sempre estivo entre as tres primeiras nas valoracións da Federación Española e é a segunda na clasificación histórica de probas puntuables para o Nacional, cun total de 42 probas puntuables.


Na edición deste ano, o Rallye terá o maior coeficiente de puntuabilidade de todo o campionato (1.2), por ser escollida como a mellor proba do nacional en 2016. Contará con seis tramos de 200 quilómetros e terá unha mirada especial aos pilotos históricos que defenderon as cores do equipo ourensán e aos gañadores de cada edición.  

Vistas:  145

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds