Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

25.05.2017

A Xunta pon en valor as iniciativas que vinculan os valores do Camiño de Santiago co deporte e a solidariedade

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, acompañaron no último tramo do Camiño Inglés ao ex xogador de baloncesto Nikos Galis, dentro da iniciativa O Camiño acaba en Obradoiro

Imprimir Atrás

Santiago, 25 de maio de 2017.- A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, acompañaron hoxe no último tramo do Camiño Inglés ao ex-xogador de baloncesto Nikos Galis, que veu de percorrer nos últimos días este itinerario, dentro da iniciativa ‘O Camiño acaba no Obradoiro’.

Un proxecto que engloba unha serie de actividades ao redor da historia de superación dun ex-xogador de baloncesto realizando o Camiño e que, como indicaron, se está a converter nunha magnífica iniciativa que comparte os valores do Camiño de Santiago e do fenómeno xacobeo cos do deporte e a solidariedade.

Neste sentido, a directora de Turismo de Galicia recordou que, unha vez máis, esta iniciativa está a contribuír á promoción internacional do principal recurso turístico e cultural de Galicia, despois do éxito acadado na peregrinaxe solidaria dos xogadores Terry Porter no Camiño Francés e Juan Antonio Corbalán, no Camiño Primitivo en edicións anteriores.

“Tócalle o quenda agora ao Camiño Inglés, unha ruta que no que vai de ano realizaron máis de 2.000 peregrinos, entre os que a partir de agora xa se encontra o lendario xogador grego Nikos Galis”, explicou recordando a importancia de proxectos como este para que o Camiño de Santiago se consolide como principal elemento captador de turismo internacional.

Identifica a marca Galicia no mundo

Neste senso, sinalou que dos preto 60.000 peregrinos que chegaron xa este ano a Compostela máis do 60% foron estranxeiros o que, segundo afirmou, mostra a gran capacidade do Camiño para atraer visitantes de todo o mundo.

Nava Castro concluíu asegurando que a Ruta Xacobea é un fenómeno en pleno auxe e posiciona e identifica a marca Galicia no mundo.

Pola súa banda, a secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, asegurou que este tipo de iniciativas nas que deportistas de talla mundial, ben en activo ou ben retirados, achéganse a Galicia para gozar das opcións de turismo activo que propón “supoñen un pulo ao deporte e o turismo da nosa comunidade que redundará nunha mellora da calidade de vida e da economía dos nosos cidadáns”.

Deste xeito agradeceu ao ex-xogador de baloncesto grego Nikos Galis e ao seu compañeiro de aventura, Juan Antonio Corbalán este proxecto que ten coma fin última promover e colaborar co deporte base, unha das áreas prioritarias para a Secretaría Xeral para o Deporte. Así tamén, Marta Míguez destacou a íntima relación do Camiño de Santiago co deporte, como demostra que o ex-adestrador da selección española de fútbol, Vicente del Bosque, sexa un dos embaixadores de honra da ruta xacobea.

Vistas:  107

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds