Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

30.05.2017

Marta Míguez prioriza "o rigor no control económico das entidades deportivas de Galicia para asegurar o bo estado de saúde do noso deporte e da nosa administración"

Define á figura do experto contable como “unha figura necesaria, que vén a mellorar o panorama financeiro global e o seu control, descargando de responsabilidades a outros profesionais que se adican a outras tarefas e acadando unha mellor atención a todos os campos do regulamento financeiro”

Imprimir Atrás

A Coruña, 30 de maio de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou no serán de hoxe na presentación da xornada que o Colexio de Economistas da Coruña organiza sobre ‘Control financeiro na Liga de Fútbol Profesional. Colaboración cos Economistas Contables’ na que se presentou o Rexistro de Expertos Contables e fíxose entrega dos diplomas aos expertos contables acreditados.

Alí, a máxima responsable do deporte a nivel autonómico destacou a importancia do control económico das entidades deportivas de Galicia como “unha das nosas competencias que levamos a cabo con maior rigorosidade para asegurar o bo estado de saúde do noso deporte e da nosa administración”. Unido a esta idea, Marta Míguez lembrou que “hai apenas dez días, o Diario Oficial de Galicia facíase eco da resolución pola que se acorda o plan de auditorías das contas anuais de 2016 das federacións deportivas galegas” grazas ao que “garantimos que todas as federacións deportivas presenten o seu informe”.

Tocante á figura dos expertos contables, a secretaria xeral lembrou que “cada día precisamos de novos profesionais que nos axuden neste proceso de fortalecemento do ecosistema da información financeira e que nos achega a seguridade necesaria nas nosas xestións”. Profesionais, dixo, “que contribúen a garantir a transparencia e o rigor da información financeira das nosas empresas”.

Nas súas verbas, a titular de Deporte definiu á figura do experto contable como “unha figura necesaria, que vén a mellorar o panorama financeiro global e o seu control, descargando de responsabilidades a outros profesionais que se adican a outras tarefas e acadando unha mellor atención a todos os campos do regulamento financeiro”.

Este acto enmárcase dentro das actividades da área financeira e contable do Colexio de Economistas da Coruña. O obxectivo da xornada é, por unha banda difundir a utilidade para os economistas do Rexistro de Expertos Contables e, por outro, presentar a colaboración establecida dos economistas contables coa liga de Fútbol Profesional para o control financeiro dos clubs.

Vistas:  194

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds