Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

02.06.2017

A Xunta creará a Comisión Galega de Control da Violencia que "adoptará decisións derivadas dos incidentes das competicións de ámbito rexional, provincial ou local"

Unha Comisión, di, “que será o órgano administrativo superior no ámbito da prevención e represión da violencia no ámbito competencial da Comunidade Autónoma de Galicia e estará adscrito á Secretaría Xeral para o Deporte actuando con total independencia funcional”

Imprimir Atrás

Santiago, 2 de xuño de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, anunciou hoxe no Parlamento de Galicia que o Goberno galego “fará todo o que estea nas súas mans para controlar os incidentes que ocorran na nosa comunidade ou nos eventos que participen os equipos que nos representan” para o que vén de iniciar os trámites de desenvolvemento normativo da Comisión Galega de Control da Violencia. Unha Comisión, dixo, “que será o órgano administrativo superior no ámbito da prevención e represión da violencia no ámbito competencial da Comunidade Autónoma de Galicia e estará adscrito á Secretaría Xeral para o Deporte actuando con total independencia funcional”. Deste xeito, a Comisión Galega de Control da Violencia “dará cobertura e resposta as denuncias e adoptará decisións derivadas de incidentes con ocasión da practica de competicións oficiais deportivas de ámbito rexional, provincial, zonal ou local, toda vez que a Comisión Estatal contra a violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia no deporte actúa nas competicións oficiais deportivas de ámbito estatal”.

A creación desta Comisión vén recollida na Lei 3/2012 do Deporte de Galicia, pero no momento actual a Xunta ten acoutadas as competencias da prevención e represión da violencia no deporte que recaen na Comisión Estatal contra a Violencia, o Racismo, a Xenofobia e a Intolerancia no Deporte do Consello Superior de Deportes, debido á modificación introducida pola Lei 13/2015, de 24 de decembro, de medidas fiscais e administrativas. A Xunta de Galicia colabora e traballa de xeito conxunto co CSD “para mellorar o estado do deporte a nivel autonómico e estatal” e ademais, “representantes da Xunta participan en encontros de traballo regulares na Delegación do Goberno para garantir a seguridade nos espectáculos deportivos que teñen lugar na nosa Comunidade”.

A secretaria xeral para o Deporte realizou estas declaracións no hemiciclo galego como resposta á pregunta oral sobre a requisa de bandeiras e outros símbolos políticos nos partidos de fútbol e noutras competicións deportivas. Por iso e a pesares desa modificación da Lei do Deporte a secretaria xeral informou que, amparándose na legalidade vixente, a Xunta creará a Comisión Galega de Control da Violencia para poder prestar “maior atención a todos os incidentes que ocorran nos recintos deportivos”. “A Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral para o Deporte, o Comité Galego de Xustiza Deportiva e nun futuro próximo, a Comisión Galega de Control da Violencia no deporte, velarán sempre polo cumprimento da legalidade e o desenvolvemento dun deporte limpo, pacífico e sen atrancos de ningún tipo”, engadiu.

Símbolos políticos nos recintos deportivos

Na resposta que a secretaria xeral ofreceu na mañá de hoxe no Parlamento de Galicia, estableceuse que para a Xunta de Galicia, “o deporte é global para todos e para todas, é unificador, igualador, totalizador e non entende de diferencias de xénero, raciais, sociais, relixiosas ou políticas”. Unido a esta idea, Marta Míguez destacou que “como administración responsable debemos primar aquelo que une e as bandeiras que nos unen son as dos equipos que están competindo no terreo de xogo”. “Os recintos deportivos son o escenario onde mostrar as bandeiras do noso equipo, non da nosa ideoloxía”, sinalou.

Do mesmo xeito, a máxima responsable do Deporte a nivel autonómico advertiu que “as masas de xente son colectivos difíciles de xestionar, máxime cando estes grupos vense condicionados por factores externos como a excitación ou a tensión dos eventos deportivos”, polo que “os responsables políticos debemos garantir a protección dos espectadores”.

Tras lembrar que o Goberno galego carece de competencias en materia de seguridade e orde pública e que a Unidade de Policía Adscrita (UPA) non se ocupa do mantemento da orde pública, agás naquelas ocasións en que fora estritamente necesario para garantir a seguridade diante dun perigo inminente e real, Marta Míguez explicou que “as actuacións policiais en materia deportiva están reguladas” e recordou que “a policía ou os servizos de seguridade seguen unhas pautas de actuación comúns en todo o Estado, para evitar que se produzan eivas na seguridade con resultados negativos ou mesmo tráxicos”. Cómpre salientar que en cada recinto pode haber algunha connotación específica en función das directrices dadas polo coordinador de seguridade xa que os partidos son eventos privados organizados por un club.

É a Lei contra a violencia no deporte a que regula as condicións de acceso aos recintos deportivos. Marta Míguez fixo referencia ao punto no que se establecen estras condicións como “a prohibición de introducir, exhibir ou elaborar pancartas, bandeiras, símbolos ou outros sinais con mensaxes que inciten á violencia ou polos que unha persoa poida ser ameazada, insultada ou vexada por razón da súa orixe racial ou étnica, a súa relixión ou conviccións, a súa discapacidade, idade, sexo ou orientación sexual, así como tamén -e como unha das condicións de permanencia no recinto-, a exhibición de pancartas, bandeiras, símbolos ou outras sinais que inciten á violencia ou ao terrorismo ou que inclúan mensaxes de carácter racista, xenófobo ou intolerante”.

A secretaria xeral insistiu que “o Goberno central, ao igual que o Goberno galego, realiza as súas funcións procurando a máxima seguridade dos cidadáns” e situou o traballo das autoridades competentes en “incentivar a unión entre afeccións cando haxa cordialidade e precaver posibles situacións de risco para evitar conflitos”.

A titular de Deporte rematou a súa intervención solicitando á oposición que se sume ao gran pacto de Estado “para acabar dunha vez por todas con calquera manifestación violenta nos campos de fútbol e en todos aqueles recintos nos que se practique deporte”.  

Vistas:  152

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds