Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

10.06.2017

Marta Míguez destaca "todas as vantaxes físicas e psíquicas do judo que benefician a todos os seus practicantes e aos máis pequenos" na XXI Gala da Federación Galega

Destaca as case 8.000 licenzas deportivas e os máis de 50 clubs con actividade cos que contamos hoxe en Galicia

Imprimir Atrás

Sanxenxo (Pontevedra), 10 de xuño de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou no serán de hoxe na XXI Gala da Federación Galega de Judo e na entrega de premios aos mellores deportistas da tempada. Alí, a máxima responsable do deporte galego destacou a esta arte marcial como “un dos deportes máis beneficiosos para a saúde, especialmente nas idades máis temperás”. Nesta liña destacou “todas as vantaxes físicas e psíquicas que benefician a todos os practicantes e especialmente aos máis pequenos, polo que o judo é un dos deportes máis destacados no noso programa Xogade, que aglutina toda a oferta deportiva en idade escolar promovida pola Xunta”.

Na súa intervención, a secretaria xeral destacou a “nobreza” dun deporte que “non busca vencer ao rival a través da destrución ou da humillación, senón a través da súa neutralización sen ocasionar dano algún”. “Un deporte que non se opón á forza do contrincante, senón que a aproveita para optimizala, deixándonos unha gran ensinanza vital: aceptar as cousas como veñen para sacar o maior rendemento delas”, engadiu.

Marta Míguez recordou algúns dos fitos do judo galego como a creación da Federación Galega de Judo no ano 1965; a consecución do primeiro diploma olímpico galego, ao rematar o coruñés Victorino González os Xogos de Seúl 88 na sétima posición; ou as case 8.000 licenzas deportivas e os máis de 50 clubs con actividade cos que contamos hoxe en Galicia. Así tamén, a secretaria xeral trasladou os seus parabéns a todos os premiados e especialmente a María Bernabéu -mellor judoka feminina- que foi quen de acadar un quinto posto e diploma olímpico en Río.

Cara a fin do seu discurso, a titular de Deporte solicitou á federación, aos deportistas, aos adestradores, aos árbitros e a todos os relacionados con esta arte marcial “manter este excelente estado de forma do noso deporte”.

Vistas:  110

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds