Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

14.06.2017

A Secretaría Xeral para o Deporte supervisa a obra da pista de atletismo de Ourense que "está a cumprir todos os prazos, polo que será entregada o vindeiro 31 de agosto"

Neste momento estase a realizar a montaxe de todas as instalacións previstas para o uso feiral (saneamento, fontanería, electricidade trifásica e monofásica e rede de datos) para dar servizo ao uso feiral tanto no interior da pista como na zona exterior

Imprimir Atrás

Ourense, 14 de xuño de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, acompañada pola directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz e do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, supervisou as obras de construción da pista de atletismo hidráulica cuberta no recinto feiral da Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense (Expourense). Alí, xunto ao director da actuación e demais técnicos a máxima responsable do deporte na comunidade informou de que a obra “está a cumprir todos os prazos polo que será entregada o vindeiro 31 de agosto”.

Estas obras realízanse ao abeiro do convenio de cooperación asinado o pasado 11 de abril de 2016 entre a Secretaría Xeral para o Deporte e Expourense. Tras asinar o contrato coa construtora, o pasado 17 de agosto de 2016, as obras comezaron o 30 de novembro de 2016 e foron reiniciadas no mes de marzo, unha vez rematado o Salón Internacional de Gastronomía e Turismo Xantar. No momento actual, o foso de formigón no que se montará a pista hidráulica xa está rematado, así como a estrutura e a cuberta da ampliación dos espazos auxiliares.

Grazas a construción desta pista cun sistema hidráulico que permite a total compatibilidade do uso deportivo co uso feiral ao que se destina o espazo, Galicia terá a primeira pista de atletismo hidráulica cuberta que pasará a ser unha das tres mellores de España contando coa tecnoloxía máis moderna de todas as existentes.

A compatibilidade como premisa irrenunciable

A viabilidade e a compatibilidade de usos son as principais características deste proxecto que atraerá a importantes atletas e deportistas á cidade de Ourense xa que cando as curvas da pista se baixan, a superficie sintética queda ao nivel adecuado para que poida usarse para outros deportes ou actividades. O proxecto para a construción da pista cumpre coas prescricións técnicas para garantir a compatibilidade das novas instalacións co actual uso do recinto. Cómpre salientar, ademais, que as pistas cubertas con peralte hidráulico axustable poden subirse e baixarse automaticamente nun período de tempo ao redor dos cinco minutos.

Neste aspecto, estase a realizar a montaxe de todas as instalacións previstas para o uso feiral (saneamento, fontanería, electricidade trifásica e monofásica e rede de datos) para dar servizo tanto ao uso feiral tanto no interior da pista como na zona exterior. Na zona da pelouse (interior da pista curva) un total de 90 arquetas situadas a unha distancia media de 3 metros permitirán dar servizo a calquera evento que o demande. Ademais, outras 7 arquetas de uso deportivo dan servizo a todo o sistema de cronometraxe e control dentro da pelouse e están conectadas coa zona de xuíces e de foto finishsituada enriba das gradas retráctiles. Tanto estas gradas como a zona de xuíces e foto finish non influirán no desenvolvemento das actividades e eventos feirais.

Cumprimento das novas especificacións da IAAF

A pista de Expourense terá seis rúas en pista circular de 200 metros de perímetro, oito rúas en pista recta, zona de lanzamento de peso, zona de saltos de altura, lonxitude, triplo salto e pértega. A pista de atletismo cumprirá coas novas especificacións da Federación Internacional de Atletismo (IAAF) que serán acordadas no vindeiro congreso que se celebrará en agosto do presente ano en Londres e que xa foron confirmadas á Secretaría Xeral do Deporte a través da Real Federación Española de Atletismo.

A pista de velocidade será de 60 metros de distancia cun espazo antes da saída duns 3 metros e 15 metros de pista recta para a redución da velocidade. A continuación os atletas correrán en subida sobre a pista peraltada para chegar á barreira de freado.

O foso de formigón executado está dimensionado para rúas de 1 metro. As zonas de competición de salto de pértega xa foron executadas cun corredor de 1,22 metros de ancho. Disponse de caixa de aceiro inoxidable para a pértega, deseñado, fabricado e homologado conforme a la normativa de la Federación Internacional.

Tamén foi executada a zona de competición do salto de lonxitude cun corredor de 1,22 metros, así como as táboas de batida a 3 metros, 11 metros e 13 metros, tamén homologadas pola IAAF. O foso de salto de lonxitude foi executado cunhas medidas de 2,75 metros de ancho por 9 de largo e 30 centímetros de fondo, cun foso perimetral de 50 centímetros de ancho e 30 centímetros de fondo sobre o que se dispón reixa e pavimento filtrante para recoller a area que se deposita no calzado do deportista.

Unha vez rematados os traballos de construción do foso de formigón armado con tres niveis e o paso de todas as instalacións necesarias polo mesmo para dar continuidade de servizo ao uso feiral fóra da pista estase a realizar a montaxe da estrutura de aceiro galvanizado para a posterior montaxe dos taboleiros e pavimento da pista nas cores seleccionadas que son, segundo a carta de cores base, P58 (amarelo), P18 (azul mariño) e P85 (azul cian).    

Vistas:  127

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds