Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

14.06.2017

Marta Míguez avoga por "un deporte inclusivo e global que abrace a todos e a todas" na entrega dos diplomas de vela adaptada do Monte Real Club de Iates de Baiona

A titular de Deporte falou da importancia deste “proxecto único” como é a Escola de Vela Adapada xa que o Monte Real Club de Iates de Baiona é o único club de Galicia que imparte esta formación durante todo o ano

Imprimir Atrás

Baiona (Pontevedra), 14 de xuño de 2017.- A secretaría xeral para o Deporte, Marta Míguez, entregou na mañá de hoxe os diplomas do curso 2016-2017 de Vela Adaptada do Monte Real Club de Iates de Baiona. En total foron uns 60 rapaces e rapazas aos que a secretaria xeral transmitiu os seus parabéns “por acadar o diploma e por gozar desta experiencia organizada polo Monte Real Club de Iates de Baiona”. Unha entidade da que Marta Míguez salientou “o gran traballo realizado por promover o deporte como unha vía de inclusión social e desenvolvemento persoal”. “Ese é o deporte que queremos desde a Xunta de Galicia, un deporte inclusivo, que non entenda de xénero, nin idade, que sexa global e abrace a todos e a todas adaptándose aos seus protagonistas para gozar do mar, da vela, da convivencia, da aprendizaxe e do camiño, non só da meta”.

A titular de Deporte falou da importancia deste “proxecto único” como é a Escola de Vela Adapada xa que o Monte Real Club de Iates de Baiona é o único club de Galicia que imparte esta formación durante todo o ano.

Marta Míguez subliñou o papel relevante de todos e cada un dos participantes deste proxecto como son “o mar; os 60 navegantes que hoxe recollen os diplomas e que son exemplo de superación e de vida; as familias que deciden aproveitar esta oportunidade que o MRCYB pon a dispoñibilidade de todos sexan cales sexan as súas circunstancias; e os adestradores, formados neste deporte e que van máis alá para adaptarse ás circunstancias dos seus alumnos”.

No acto que tivo lugar no Parador Nacional de Baiona, a secretaria xeral para o Deporte tamén presenciou a saída rumbo ás Illas Cíes do barco dos participantes do programa ‘Amar o Mar’ do Monte Real Club de Iates de Baiona. 

Vistas:  154

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds