Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

22.06.2017

Marta Míguez compromete o traballo da Secretaría Xeral para mellorar o fútbol "que 144 anos despois da súa chegada a Galicia segue tendo vixente a súa capacidade de abraiarnos"

Destaca a “influencia do fútbol na nosa terra” xa que “en Galicia, a Federación Galega de Fútbol conta con preto de 63.000 licenzas e case 850 clubs con actividade” e valora o crecemento do fútbol feminino que “non parou de medrar desde 2011 pasando de 1.368 licenzas ao dobre: 2.614 na actualidade”

Imprimir Atrás

Santiago, 22 de xuño de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou no serán de hoxe na Gala do Fútbol Galego 2017 celebrada no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia. Alí, a máxima responsable do deporte galego asegurou que desde a Xunta de Galicia “estaremos atentos e intentaremos levar a cabo accións que melloren a situación de todos os nosos deportistas”. “A nosa misión é que o deporte siga medrando, porque aínda hoxe, 144 anos despois do primeiro partido de fútbol en Galicia cunhas normas rudimentarias, o fútbol segue tendo plenamente vixente a súa capacidade de abraiarnos”.

Neste sentido, Marta Míguez destacou a “influencia do fútbol na nosa terra” xa que “en Galicia, a Federación Galega de Fútbol conta con preto de 63.000 licenzas e case 850 clubs con actividade”. Ademais, valorou o crecemento do fútbol feminino que “non parou de medrar desde 2011 pasando de 1.368 licenzas ao dobre: 2.614 na actualidade”.

No transcurso da gala, a secretaria xeral dirixiuse aos premiados como “os mellores da tempada, ademais daquelas persoas e institucións que máis fan en prol do deporte galego” e salientou a importancia de “recoñecer o seu traballo” como “unha obriga de todos os que amamos o deporte”.

A titular de Deporte, apuntou tamén que “detrás dos recoñecementos, dos trofeos e das medallas, dos podios e dos éxitos agóchanse moitas horas de traballo, de suor, de sacrificio e de perseveranza”. “Por iso quero animarvos a que sigades traballando nesa liña, a que sigades adestrando con confianza e dedicación porque ese é o único camiño coñecido cara o triunfo”, engadiu.

Na Gala do Fútbol Galego 2017 entregáronse os premios nas categorías de fútbol 8, cadete, infantil, xuvenil, fútbol feminino, Primeira Galicia, Preferente, Terceira División e de fútbol sala. Ademais dos premios entregados no ámbito do fútbol base, aos convocados polas seleccións galegas e ás traxectorias daquelas persoas que levan ‘Toda unha vida’ traballando polo fútbol galego.

Vistas:  50

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds