Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

26.06.2017

Marta Míguez destaca o poder da psicoloxía deportiva para cambiar as actitudes individuais e colectivas dun equipo "transformando inercias derrotistas en inercias de vitoria"

Asegura que, no deporte, “só hai un camiño para o éxito: o do sacrificio, a entrega, a perseveranza e o traballo diario; pero ese camiño nunca é sinxelo e ás veces xorden trabas que entorpecen a consecución dos obxectivos”

Imprimir Atrás

Santiago, 26 de xuño de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou na xornada de hoxe na inauguración do II Congreso Internacional sobre Fútbol e Psicoloxía. Alí, a máxima responsable do deporte galego dixo que “a psicoloxía deportiva outorga ao deportista a posibilidade de desfacerse das presións, ataduras e escravitudes; trocalas por un pensamento positivo e poder encarar o adestramento dun modo moito máis optimista cambiando as actitudes individuais e colectivas de todo un equipo, transformando as inercias derrotistas en inercias de vitoria”.

Na inauguración do congreso que terá lugar no Pazo de Fonseca, a secretaria xeral destacou a vixencia da psicoloxía no deporte de alto nivel xa que é un ámbito que “debido á súa cada vez maior especialización, precisa dunha actualización constante, esixente e meticulosa”. Deste xeito, apuntou que “novas profesións estanse abrindo paso en moitos equipos para estar a altura do nivel futbolístico autonómico e estatal, de xeito que se xeran novas oportunidades para as que hai que estar preparados”.

Nas súas verbas, a titular de Deporte asegurou que, no deporte, “só hai un camiño para o éxito: o do sacrificio, a entrega, a perseveranza e o traballo diario; pero ese camiño nunca é sinxelo e ás veces xorden trabas que entorpecen a consecución dos obxectivos”. Estas dificultades, dixo a secretaria, “poden ser alleas a nós ou poden provir de nós mesmos, pero non deben bloquearnos e converterse en verdadeiras barreiras obstaculizadoras do noso progreso e do noso potencial deportivo de cara a unha formación equilibrada e integral”.

Vistas:  40

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds