Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

27.06.2017

Marta Míguez anuncia avances no seguro escolar, na Escola Galega do Deporte, no financiamento federativo e no desenvolvemento normativo do deporte galego

Na segunda reunión do Foro do Deporte Federado que tivo lugar na Escola Galega de Administración Pública

Imprimir Atrás

Santiago, 27 de xuño de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, acompañada dos subdirectores xerais de Plans e Programas, Miguel López e de Xestión Deportiva, María Teresa Lorenzo, recibiu a numerosos representantes das federacións deportivas galegas na segunda xornada do Foro de Deporte Federado ‘Optimizando sinerxías’ onde se compartiron posturas, reflexións e análises da situación actual do deporte galego desde a perspectiva do deporte federado, así como as propostas presentadas pola Secretaría Xeral para o Deporte, coa fin de aproximar obxectivos dun xeito harmónico e responsable. Esta é a segunda xuntanza mantida no marco do Foro do Deporte Federado tras a reunión que tivo lugar o pasado 19 de abril e na que se trataron temas como o financiamento das federacións deportivas galegas. Nesta segunda xornada do Foro, a secretaria xeral deu resposta a algúns dos temas tratados na primeira reunión e apuntou que "a coordinación e o consenso son o mellor camiño para o beneficio común do deporte galego".

No encontro entre representantes da Secretaría Xeral para o Deporte e das federacións deportivas galegas, Marta Míguez explicou tamén as vertentes desde as que se está a traballar desde a Administración.

Así, a máxima responsable do deporte galego sinalou os avances acadados nas negociacións para obter un seguro deportivo escolar con maiores prestacións; a reactivación da Escola Galega do Deporte; a posibilidade de que entidades financeiras poidan facer anticipos das subvencións públicas concedidas; a modificación dalgunhas liñas de financiamento para mellorar a dotación económica ás federacións; a promoción mediática do deporte galego; ou o desenvolvemento normativo dos regulamentos que darán lugar á Comisión Galega de Control da Violencia, o novo Decreto do Deporte de Alto Nivel en Galicia ou a Orde de eleccións das federacións deportivas.

Na reunión expuxéronse diversas cuestións que tiveron resposta inmediata e outras que serán tratadas na vindeira reunión do foro. Deste xeito, outros temas tratados foron a participación nos Xogos do Eixo Atlántico, a organización do deporte escolar, o fomento dos patrocinios privados, a loita contra o abandono da competición deportiva en idades temperás, a Seguridade Social de deportistas e adestradores, a promoción do deporte de alto nivel ou a licencia única.

Rede Deporte Galego

O Foro de Deporte Federado forma parte da Rede Deporte Galego, que botou a andar o pasado 10 de abril cunhas xornadas de formación para facilitar o acceso e o manexo da comunicación e administración telemática das federacións deportivas galegas. A creación da Rede da cumprimento a unha das promesas contidas no programa electoral de 2016 no que se propuña esta plataforma. A Rede incluirá foros, xornadas de formación, axendas de traballo e reunións que, de forma periódica e por sectores, posibilitarán encontros para a posta en común de coñecemento e experiencias, garantindo un tecido colaborativo forte e competitivo. Nestes foros abarcarase desde os sectores tradicionais do deporte (axentes ou eventos deportivos, entre outros) pasando por outros máis novidosos como o da investigación, desenvolvemento e innovación, ou o do turismo.

Deste xeito, a Rede Deporte Galego garantirá unha auténtica Administración pública colaborativa do e para o deporte galego, ao servizo das súas necesidades; actuará como canle de comunicación entre os distintos sectores do noso deporte; e estará ao servizo dos restantes obxectivos xerais da lexislatura.  

Vistas:  101

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds