Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

29.06.2017

Marta Míguez recibe a seis lendas do taekwondo nacional no campamento Destino Tokio 2020 de Marín no que participan 150 deportistas

Destaca o taekwondo como “un deporte inmellorable para os nosos nenos, tanto por fomentar uns hábitos de vida saudables como por todos os valores que transmite”

Imprimir Atrás

Marín (Pontevedra), 29 de xullo de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou esta mañá na recepción ás ‘Lendas do taekwondo’ celebrada no marco do Campamento Destino Tokio 2020 destinado a deportistas de infantil, cadete, júnior e sub-21. Nas súas verbas, a máxima responsable do deporte a nivel autonómico, destacou o taekwondo como “un deporte inmellorable para os nosos nenos, tanto por fomentar uns hábitos de vida saudables como por todos os valores que transmite”.

Respecto aos 150 deportistas que participan no campamento, Marta Míguez dixo deles que son “150 razóns para ter esperanza no noso deporte e tamén, na nosa sociedade”. “150 taekwondistas que traballan cada día para chegar ao máis alto do deporte que practican”, engadiu.

Nas súas verbas, Marta Míguez gabou a traxectoria das seis lendas do taekwondo nacional -Jon García, Ángel Alonso, Sonia Reyes, Ana Belén Asensio, Jesús Benito e José Antonio Carregal- que se desprazaron ata Marín “para transmitir a importancia de continuar apostando polo deporte de competición e pola constancia no adestramento”. “Seis homes e mulleres que o deron todo por alcanzar os seus soños e que, por todo o esforzo depositado, os acabaron cumprindo”, apuntou.

Tras facer un breve repaso de todos os títulos nacionais e internacionais colleitados por estas seis lendas do taekwondo, a secretaria xeral asegurou que “é un orgullo contar entre estas seis estrelas coa presenza dun galego, José Antonio Carregal Lamoso” ao que describiu como “a mellor mostra de que calquera dos que hoxe estades aquí, con traballo e humildade, podedes ser os mellores na vosa disciplina”.

Vistas:  138

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds