Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

01.07.2017

Marta Míguez rememora xunto aos ex ciclistas suízos Tony Rominger e Alex Zülle a Volta a España do 93 que rematou en Santiago de Compostela

Ademais, a secretaria xeral, fixo entrega por parte da organización do Gran Fondo do Ézaro dunha placa conmemorativa ao ex conselleiro de Relacións Institucionais e voceiro da Xunta de Galicia, Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, en recordo do primeiro Ano Xacobeo celebrado desde o Goberno galego en 1993 e da Volta Ciclista a España

Imprimir Atrás

Santiago, 1 de xullo de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou esta mañá no acto de promoción do Gran Fondo do Ézaro que xuntou aos ciclistas suízos Tony Rominger e Alex Zülle en recordo da Volta Ciclista a España de 1993 que rematou en Santiago de Compostela. A máxima responsable do deporte galego, destacou aos dous deportistas como os protagonistas indiscutibles daquela Volta que foi escenario dunha “fermosa batalla entre dous dos mellores ciclistas do momento”.

Nas súas verbas destacou aquela loita pola Volta a España entre “dous suízos que representaban por unha banda, o poder e a hexemonía dun ciclista consolidado como Tony Rominger e, pola outra, a forza e o descaro dun ciclista en potencia como Alex Zülle”.

Ademais, Marta Míguez fixo entrega por parte da organización do Gran Fondo do Ézaro dunha placa conmemorativa ao ex conselleiro de Relacións Institucionais e voceiro da Xunta de Galicia, Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, en recordo do primeiro Ano Xacobeo celebrado desde o Goberno galego en 1993 e da Volta Ciclista a España. A máxima responsable do deporte galego recoñeceu o traballo de Vázquez Portomeñe “por botar a andar unha maquinaria chamada Xacobeo que conseguiu que viviramos con maior paixón e ledicia a nosa festa, a festa do noso patrón Santiago Apóstolo, a festa, en definitiva, do que somos, galegos e galegas”. Neste sentido, Marta Míguez destacou a “aposta decidida” de Vázquez Portomeñe pola Volta Ciclista a España de 1993. “unha Volta especial para a nosa terra, comezando na Coruña e rematando en Santiago de Compostela”.

A responsable de Deporte, amosou o seu convencemento de que “o ciclismo seguirá a medrar con novos eventos como o Gran Fondo do Ézaro que mañá mesmo terá lugar noutro espectacular paraxe da nosa xeografía” e comprometeu o apoio da Xunta de Galicia a “todos aqueles eventos deportivos que fagan máis grande á nosa terra e, en definitiva, á nosa galeguidade”.

Vistas:  44

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds