Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

03.07.2017

A Secretaría Xeral para o Deporte aproba a resolución mediante a que a Federación Galega de Fútbol asumirá as funcións para a práctica da especialidade deportiva de fútbol sala

A Xunta de Galicia vén de resolver favorablemente o procedemento de revogación de recoñecemento da Federación Galega de Fútbol Sala como federación deportiva galega e da cancelación da inscrición da Federación Galega de Fútbol Sala no Rexistro de Entidades Deportivas

Imprimir Atrás

Santiago, 3 de xullo de 2017.- A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, vén de resolver favorablemente o procedemento de revogación de recoñecemento da Federación Galega de Fútbol Sala como federación deportiva galega e da cancelación da inscrición da Federación Galega de Fútbol Sala no Rexistro de Entidades Deportivas. Deste xeito, os órganos de goberno da Federación Galega de Fútbol asumirán, de conformidade cos seus Estatutos, as funcións que corresponden para a práctica da especialidade deportiva de fútbol sala, nomeadamente a planificación, organización e programación desta especialidade así como a aprobación do calendario de competicións do fútbol sala que será de obrigado cumprimento para clubs, xogadores, adestradores e árbitros. A Federación Galega de Fútbol Sala, polo tanto, pasa a formar parte da Federación Galega de Fútbol como especialidade a través dun proceso de integración.

Ademais, segundo a resolución definitiva, as licenzas de xogadores, adestradores e árbitros expedidas pola Federación de Fútbol Sala manterán a súa validez e antigüidade ata a expedición de novas licenzas pola Federación Galega de Fútbol. Os clubs asociados á Federación Galega de Fútbol Sala pasarán a integrase na Federación Galega de Fútbol, cos mesmos dereitos e deberes que tiñan recoñecidos. Os clubs asociados á Federación Galega de Fútbol Sala que non pretendan integrase na Federación Galega de Fútbol deberán notificar a esta última a súa vontade no prazo de quince días ou integraranse de oficio. Por último, na distribución de membros da Asemblea Xeral da Federación Galega de Fútbol adecuarase estes membros ao número proporcional de licenzas.

Para dar cumprimento á resolución, a Federación Galega de Fútbol Sala deberá facilitar e trasladar todos os expedientes, datos e informes, dos que dispoña en exercicio da súa función delegada á Secretaría Xeral para o Deporte para que esta poida dar traslado á Federación Galega de Fútbol co fin de poder exercer en plenitude as funcións delegadas pola administración nun prazo de dez días.

A Lei do Deporte de Galicia establece que corresponde á Administración autonómica “recoñecer e cualificar novas modalidades e especialidades deportivas, así como establecer os criterios e requisitos para o seu recoñecemento”. Ademais, a devandita Lei prevé a “revogación do recoñecemento de federacións deportivas para os casos en que non cumpran os requisitos establecidos na presente lei que xustificaron o seu recoñecemento oficial”. Esta Lei do Deporte de Galicia tamén sinala dun xeito claro e expreso que soamente poderá existir unha Federación deportiva por cada modalidade deportiva e que as especialidades deportivas soamente poderán estar adscritas a unha federación.

O fútbol sala, tanto a nivel estatal como a nivel internacional, é unha especialidade deportiva que se atopa integrada dentro da modalidade deportiva do fútbol. A nivel internacional, a FIFA ven regulando o fútbol sala como unha especialidade do fútbol. A nivel nacional, o Consello Superior de Deportes acordou por resolución do 3 de novembro de 1982 a supresión do Rexistro de Asociacións e Federacións Deportivas da Federación Española de Fútbol Sala, integrándoa na Federación Española de Fútbol polo que non existe un recoñecemento do fútbol sala como modalidade deportiva polo CSD. No resto das Comunidades Autónomas, a día de hoxe, a maioría delas (Asturias, Cantabria, Pais Vasco, A Rioxa, Navarra, Comunidade Valenciana, Illas Baleares, Andalucía, Rexión de Murcia, Canarias, Estremadura, Castela e León, Castela-A Mancha, Aragón...) teñen integrado o fútbol sala dentro do fútbol.

Ademais, no tocante á xurisprudencia, son numerosas as sentenzas ditadas, nas que se establece a conformidade co dereito a integración do fútbol sala dentro do fútbol. A última sentenza ditada nesta materia (do 17 de febreiro de 2009, ditada pola Sección Cuarta da Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Supremo) vén a revogar a sentenza ditada no seu día polo Tribunal Superior de Xustiza de Aragón que mantiña unha posición favorable ao recoñecemento do fútbol sala como unha modalidade deportiva propia e especifica. O Tribunal Supremo reitera nesta sentenza o que xa era unha doutrina consolidada nesta materia e ven a recoñecer que o fútbol sala é unha especialidade dentro da modalidade deportiva de fútbol.

A Lei do Deporte de Galicia establece que se deberán ter en consideración as técnicas, a destreza, a diferenciación con outras modalidades, a implantación e o nivel de práctica, a súa relevancia e especificidade, a práctica autóctona, o número de practicantes e a estrutura asociativa que a avale para que unha actividade sexa recoñecida como modalidade. Resulta claro que a modalidade principal é o fútbol, sendo o fútbol sala unha especialidade da citada modalidade, como acontece co fútbol praia.

A decisión tomada pola Secretaría Xeral para o Deporte baséase na mellor organización, funcionalidade e administración deportiva tanto no ámbito autonómico como no estatal das federacións deportivas. As accións da Secretaría Xeral para o Deporte estarán sempre orientadas á defensa do interese xeral das actividades deportivas e dos practicantes das mesmas, que no caso do fútbol e do fútbol sala contan con 62.703 e 25.253 licencias respectivamente.

Tal e como se expón na resolución definitiva, coa integración do fútbol sala na Federación Galega de Fútbol evitarase un grave prexuízo na carreira deportiva dos practicantes do fútbol sala a nivel federado, pois deste xeito terán ter abertas todas as vías de proxección deportiva profesional, producindo unha clara situación de igualdade con outros practicantes do territorio nacional. Neste caso, como xa se indicou, debe primar o interese xeral da actividade deportiva e dos practicantes para que poidan desenvolver esta práctica en plenitude de dereitos e condicións e que esta non se vexa lastrada por situacións administrativas alleas ao que é esa actividade, plenitude que unicamente se conseguirá coa integración do fútbol sala na federación galega de fútbol.

Proceso

A Secretaría Xeral para o Deporte emite esta resolución definitiva tras atender ás alegacións presentadas por ambas federacións sobre a proposta de resolución da Secretaría Xeral para o Deporte (notificada o pasado 5 de xuño) da solicitude de desinscrición da Federación Galega de Fútbol Sala do Rexistro de clubs, federacións e entidades deportivas de Galicia e a súa integración na Federación Galega de Fútbol así como da denuncia do convenio asinado en 2012, ambos escritos presentados pola Federación Galega de Fútbol.

Deste xeito, a Secretaría Xeral para o Deporte remata a vía administrativa deste proceso iniciado o pasado 5 de maio cando se lle deu traslado desta solicitude de desinscrición á Federación Galega de Fútbol Sala para que puidera aducir no prazo máximo de dez días as alegacións que considere oportunas así como achegar documentos ou outros elementos de xuízo previamente á redacción da proposta de resolución.

A solicitude da Federación Galega de Fútbol, presentada o 27 de decembro de 2016, xurde tras a sinatura dun convenio en 2012 no que ambas partes manifestaban a intención de unificar as entidades na tempada 2013-2014, establecendo que o fútbol sala era unha especialidade da modalidade deportiva do fútbol. O devandito convenio foi denunciado o 8 de maio de 2017 pola Federación Galega de Fútbol. Na última xuntanza mantida entre as federacións e a Secretaría Xeral para o Deporte acordouse elaborar unha proposta para conseguir a integración do fútbol sala na Federación Galega de Fútbol que foi remitida a ambas federacións presentando alegacións. Este procedemento para a resolución desta solicitude vén motivado polas posturas afastadas que presentan ambas federacións tras 5 anos de negociacións impedindo a fusión de mutuo acordo.    

Vistas:  166

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds